O pleno municipal votará este xoves o cambio de denominación, culminando deste xeito a homenaxe que se lle rendeu ao humorista gráfico e principal impulsor do museo
O Goberno local de Fene propón dárlle ao Museo do Humor o nome de Xaquín Marín
Museo do Humor Dixomedíxomes03-08-2022
Poucas persoas hai en Fene, de nacemento ou adopción, que conciten tanto afecto xeral como Xaquín Marín Formoso. E motivos sobran. Creador polifacético, dinamizador cultural, reivindicador e un dos máximos expoñentes do humorismo retranqueiro galego posto ao servizo da crítica social. Son moitos os méritos que, sen el pretendelo, se xuntan nun home xa de por si afable e sempre conciliador. Un bo e xeneroso, vaia, que hai case 40 anos teimou en crear o primeiro museo do mundo dedicado ao humor. Fene recoñeceulle durante maio e xuño todo o seu labor a prol do municipio e da Cultura por medio do programa "Volta á orixe", que contou con centos de asistentes á exposición monográfica e ás actividades paralelas. Agora, como culminación deste merecido tributo, o pleno municipal votará na mañá deste xoves o cambio de denominación do Museo do Humor para que pase chamarse "Museo do Humor de Fene: Xaquín Marín".
Tal e como se recolle na proposta de acordo da alcaldía, precisamente a raíz da exposición antolóxica sobre o creador "foron moitas as persoas que nos transmitiron a proposta de cambiar o nome do museo". Un sentimento refrendado por Siro López -outro dos grandes do humor gráfico galego, ademais de amigo e compañeiro de andanzas creativas de Marín- que mesmo reivindicou a mudanda da denominación nun artigo publicado en La Voz de Galicia.
O texto que se someterá á valoración plenaria abonda na figura e na obra dun "artista plástico total e polifacético" coñecido e recoñecido por levar case 35 anos publicando unha viñeta diaria nese mesmo xornal e por ser o principal promotor do museo do humor fenés, inaugurado en 1984 e que el dirixiría durante os seus primeiros 25 anos de vida reunindo a que posiblemente sexa a maior colección de humor gráfico do mundo.
Desde a dirección do Museo, Xaquín Marín levou a cabo, ademais, "un inxente labor de difusión do humor galego en todas as súas vertentes ben sexa a través de exposicións permanentes ou itinerantes (Os humoristas e a reconversión, Humor gráfico actual en Galicia, Cómic galego, Humor cru...), de mostras en colaboración con outras institucións, museos ou particulares (Casa do Humor e da Sátira de Gabrovo en Bulgaria, Museo Internacional de Humor de San Antonio de Baños en Cuba, herdeiros de Mort Walker...), da creación das Xornadas de Humor, os premios Curuxa e a revista Sapoconcho ou do apoio ao nacemento da Asociación de Amigos do Museo do Humor".
Porén, a súa figura vai máis aló e, segundo a proposta, o autor acumula "unha vasta traxectoria que abarca outras disciplinas visuais como a banda deseñada, a pintura, o deseño gráfico, o cartelismo, o muralismo ou a ilustración", ademais de ser o humorista gráfico galego "con maior relevancia, recoñecemento e constancia das últimas cinco décadas".
A iniciativa do Goberno municipal cualifica a Marín como "creador dun estilo cunha linguaxe, recursos expresivos e símbolos propios, totalmente innovador ao tempo que inequivocamente enraixado na tradición plástica galega, dunha coherencia estética e ideolóxica incontestables, tan persoal como universal e, por riba de todo, galego".
Estes e outros argumentos sosteñen a petición que se lle presentará ao pleno convocado para mañá xoves ás 10:00h, no sentido de que o Museo do Humor de Fene pase denominarse "Museo do Humor de Fene: Xaquín Marín". A iniciativa superou a comisión informativa cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención do resto de formacións. De prosperar tamén mañá no pleno o cambio de nome sería inmediato.