A entrega dos galardóns coincidirá coa apertura, a cargo das Izquierdo Sisters, dun novo ciclo “Novembro, mes do humor”

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2022

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A entrada ao acto será libre até completar o aforo dispoñible

1º premio Curuxa 2022

Autor: Fritz

Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2022, o Museo do Humor Xaquín Marín comeza este venres, 4 de novembro, as actividades do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Ricardo Olivera Almozara, “Fritz”, Manuel Alejandro Vázquez Búa, Pedro Bouza Bernárdez e Andrés Chinchilla Argibay recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.

O xurado do XXVI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 4 de xullo nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín, acordou por unanimidade outorgar o Primeiro Premio “Curuxa 2022” ao debuxante Ricardo Olivera Almozara, “Fritz”, por unha obra titulada “Héroe”. O xurado valorou “a realización técnica do debuxo, a composición e a paleta de cor”. Tamén salientou “o seu carácter intemporal, a irreverencia que expresa a viñeta e o uso da metáfora como crítica á guerra e ao poder militar”. Tamén na categoría “Curuxa” (maiores de 25 anos), o segundo premio recaeu nesta edición no debuxante Manuel Alejandro Vázquez Búa, por unha obra titulada “Corrente de altura” na que salienta “o tema, moi de actualidade e tratado con ironía, así como a súa perfección técnica”.

Na categoría “Curuxa Nova” (menores de 25 anos) o primeiro premio foi para Pedro Bouza Bernárdez, por “Amor en tempos de inflación”. O xurado salientou desta obra “a eficacia e sinxeleza do debuxo, a composición e que se trata dun tema de actualidade”. O segundo premio foi para Andrés Chinchilla Argibay por “Games”, unha obra na que o xurado valorou, sobre todo, “a técnica do debuxo e que trata un dos problemas que temos na actualidade, o exceso de tecnoloxía”.

Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios para os autores gañadores dos Premios Curuxa consistirán nun diploma e nunha gratificación económica que ascende a 2000 € para o gañador do primeiro premio Curuxa, 1500 € para o gañador do segundo premio nesta mesma categoría, 1000 € para o gañador do primeiro premio Curuxa Nova e 500 € para o gañador do segundo premio nesta categoría.

O xurado dos Premios Curuxa 2022 estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, polos debuxantes Xaquín Marín e Alexandre Sequeiros Camiña (gañador do 1º premio Curuxa 2021), xunto co comisario da exposición “Volta á orixe”, Alexandre Marín, e a coordinadora do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuou en calidade de secretaria do certame).

NOVEMBRO, MES DO HUMOR

O acto de entrega dos Premios Curuxa 2022 coincidirá este venres, 4 de novembro, co comezo do ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que inclúe, como en edicións anteriores, catro espectáculos para público adulto (os venres do mes de novembro, ás 20.00 horas).

Esta primeira función correrá a cargo do dúo Izquierdo Sisters, formado por Marita Martínez e Lucía Veiga, cun espectáculo titulado “Galician Horror Story. A entrada, tanto para a entrega dos Premios Curuxa como para este primeiro monólogo do ciclo, será libre e de balde até completar o aforo.

Na segunda sesión do “Novembro Mes do Humor”, prevista para o venres 11 de novembro, actuará a contacontos María da Pontragha, e na terceira, o 18 de novembro, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene Oswaldo Digón cun espectáculo titulado “Outra movida”. O ciclo pecharase o venres 25 de novembro cun monólogo a cargo de Marta Doviro, titulado “Memorias dunha rapasa da Costa”