O volume foi coordinado polo fillo do artista, Alexandre Marín, que ademais foi o autor dos textos

O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a presentación dun monográfico adicado ao debuxante fenés

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

As persoas que asistan ao acto recibirán un exemplar do libro, até fin de existencias

A piques de facer 80 anos, Xaquín Marín é, sen dúbida, o humorista gráfico galego en activo de maior constancia das últimas décadas. “Cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos 50 anos”, o artista salienta pola súa “obra, con base no compromiso social e nos valores humanistas, que pode lerse como manual da nosa Historia máis recente, como unha viaxe retrospectiva pola nosa propia memoria colectiva como (im)país”. Así o define o seu fillo, Alexandre Marín -que en 2022 comisariou a exposición retrospectiva Volta á orixe- no monográfico X.Marín. O libro, que se presenta este venres en Fene, foi editado polo Museo do Humor coa colaboración da Consellería de Cultura, a través do programa de axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autonóma de Galicia 2023.

A presentación de X.Marín terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene) este venres, 21 de abril, ás 20 horas, con entrada libre. No acto, o artista plástico fenés estará acompañado polo seu fillo, que ademais foi o coordinador da publicación e autor dos textos, e por catro convidados que, dun ou doutro xeito, foron relevantes na traxectoria profesional e vital do artista: Emilio Romero (compañeiro en Astano), Siro López (coautor do Manifesto en Defensa do Humor Galego do que xurdiu o Museo do Humor, compañeiro de profesión), Leandro Lamas (alumno de Xaquín Marín e pintor) e Daniel Romero (xestor cultural do Concello de Fene e persoa fundamental na posta en marcha do museo). Ademais, en representación do Goberno Municipal de Fene asistirán o alcalde Juventino Trigo e o concelleiro de Cultura Justo Ardá, e da Xunta de Galicia, a secretaria territorial da delegación en Ferrol, Patricia Busto.

Segundo informan dende a Concellería de Cultura de Fene, as persoas que asistan como público ao acto deste venres, recibirán un exemplar do libro, até fin de existencias.

X. Marín

Estruturado en 7 apartados, o monográfico X. Marín achégase ás distintas facetas deste artista plástico “total”, que comezou pintando pero que salienta noutras moitas disciplinas artísticas como a banda deseñada, o deseño, o cartelismo, o muralismo ou a ilustración. Comezando polas súas ORIXES (Marín nace o 10 de outubro de 1943 no barrio ferrolán de Esteiro), o libro relata como foi a súa infancia en Fene e como tomou contacto co mundo do debuxo no que comezou a salientar moi cedo. En A PINTURA fálase da súa verdadeira primeira vocación, da razón pola que aprende a debuxar, das súas primeiras viaxes a Madrid “na procura da vida bohemia do artista puro” e da influenza de Reimundo Patiño no seu xiro cara A BANDA DESEÑADA (converténdose nun dos pais, xunto co propio Patiño, do denominado ‘cómic galego’).

O salto da banda deseñada ás VIÑETAS DE HUMOR “chega axiña e de maneira natural”, publicando Marín primeiro en La Codorniz e logo en múltiples publicacións de todo tipo. De todos os xeitos, son os seus traballos para El Ideal Gallego (desde 1975 ata 1988) e La Voz de Galicia (desde 1988 ata hoxe) os máis recoñecidos e considerados polo público.

En X.Marín tamén se fala das personaxes icónicas do artista en FILLOS DUN MESMO PAI: DO GASPARIÑO AO ISOLINO, do COMPROMISO SOCIAL do artista, e do seu papel na DINAMIZACIÓN CULTURAL E MUSEO DO HUMOR. A publicación pecha cun epílogo redactado polo debuxante fenés e con “palabras de ledicia e agradecemento para a veciñanza de Fene e da contorna, para as amizades (as reais e as virtuais) e para toda a xente que estivo e está no Concello de Fene, na Concellaría de Cultura e no Museo de Humor”.