As “Meigas, sabias e mulleres boas” da ceramista Carme Romero amósanse en Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Entre os meses de maio e xuño, a Casa da Cultura acollerá a exposición “Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista fenesa Carme Romero. A mostra recolle unha colección de esculturas cerámicas nas que a figura da muller é o elemento principal “para referir a nosa historia, tradición e cultura”. A exposición inaugúrase este venres, 5 de maio, ás 20.00 horas, e poderá visitarse até o 22 de xuño en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; sábados, de 10.00 a 13.00 horas, e domingos e festivos, pechado. No acto deste venres acompañarán á artista fenesa a escritora Emma Pedreira e o TradiCoro de Airiños de Fene.

Carme Romero

Inicieime na cerámica no ano 1999 en Madrid logo de probar con outras disciplinas como a fotografía, a pintura,a música e a escrita. Se puider imaxinar unha maneira de desenvolver todas as disciplinas coas que experimentei ao longo da vida, a cerámica sería a maneira de poder crear , traballar e me poder identificar coa obra. Todo o que me move, esperta, inqueda, podo transmitilo co barro.

Traballo, curiosidade, esforzo, superación son o alicerce de calquera disciplina artística. A escultura cerámica é un reto auténtico para min. Imaxinar, debuxar, logo coas mans e o barro crear o que tiñas no pensamento e darlle volume é apaixonante. A cor en forma de engobes ou esmaltes, barro coloreado sobre barro ou cristais que o lume fundirá e bañará de cores que iluminarán unha mirada, un sorriso, un peiteado , que salientarán os volumes e as formas da escultura que saíron do maxín.

Maxia, iso é para min a cerámica. Estar lonxe do teu mar e crear unhas mulleres mariñas con facianas que poidan expresar coas miradas a arela por ese mar que tanto estrañas.

E con máis maxia concibín as “Meigas , sabias e mulleres boas” na necesidade de lles dar visibilidade a esas menciñeiras e curandeiras, mulleres sabias que habitaban nas nosas aldeas. Curandeiras de corpos e mentes que usaban un saber ancestral herdado para curar as persoas. Quixen salientar as nosas meigas e desterrar a imaxe desas bruxas doutras culturas coas que nos abafan teimudamente nos medios .Tamén pensei adicar un espazo a todas esas mulleres que ao longo da historia, por poderosas e sabias, foron queimadas, asoballadas e maltratadas polos que albergaban o poder ou pola triste e danosa ignorancia.

Sírvome nas esculturas da figura das meigas para contar a nosa historia, as lendas e persoeiros. Ademais, para crear conciencia sobre os problemas que penso acaecen ao noso redor. Tamén para falar da natureza, dos nosos bosques, das nosas rías, do noso mar e da nosa meiga Maior, Rosalía, vixiante á espera de que honremos con feitos os seus aclamados versos.

As mulleres aínda temos moito que dicir e xerar. Eu achei a maneira coa terra , coas miñas mans , co ar e o lume, para crear e representar todas esas mulleres que viven nas esculturas en sonoridade coas reais, agora , neste momento”.