No certame, convocado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, premiáronse tamén os traballos de Salma García, do IES Canido, e de Candela Salgado, do CPI San Sadurniño

Nerea Italia Couce, do CPI San Sadurniño, gaña o I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

1º premio do I Concurso de BD de humor "Demo pequeno". Autora: Nerea Italia Couce

Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno”. O xurado desta primeira edición -formado polos debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o pasado 9 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios:

• 1º Premio, dotado con 200 euros e diploma, ao traballo presentado co título “Vistas galegas”, de Nerea Italia Couce, alumna do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “a súa capacidade para empregar a linguaxe narrativa propia do cómic, o acerto no uso dos diálogos e o nivel técnico de acabado”.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial e diploma, ao traballo presentado co título “A galiña”, de Salma García Castro, do IES Canido. O xurado valorou “a capacidade de síntese da autora o uso do humor a través do xogo de palabras e o uso da cor e da metalinguaxe do cómic” .

• 3º Premio, dotado cun lote de material artístico e diploma, ao traballo presentado co título “A ovella Rigoberta”, de Candela Salgado Calvo, do CPI San Sadurniño. O xurado valorou “o uso dun humor gamberro e desenfadado, o acertado uso dos planos en cada unha das viñetas da historia e unha boa rotulación”

Asemade, o xurado acordou outorgar un accesit, con diploma, ao traballo presentado por Iago González Pombo, do CEIP Canosa Rus de Coristanco, co título “Unha pataca no monte”.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 8 de xuño, ás 18.30 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ese mesmo día, colgarase na web deste centro (museodohumor.fene.gal) unha exposición virtual con todas as obras presentadas ao certame. E no mes de novembro, coincidindo co aniversario de museo, as obras gañadoras do I concurso de BD de humor “Demo Pequeno” formarán parte da exposición dos Premios Curuxa 2023.

Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial