Abre o prazo de presentación de obras para a segunda edición do concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno
Museo do Humor DixomedíxomesO certame está organizado polo Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial
26-01-2024
O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, empresa de referencia na edición de banda deseñada e novela gráfica en galego, volven unir as súas forzas para “achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Baixo esta previsa, ámbalas dúas entidades convocan o II concurso de banda deseñada de humor Demo pequeno. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante) nas seguintes categorías: Infantil, para rapazada de 8 a 11 anos, ou Xuvenil, para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do martes 30 de abril de 2024.
Os autores e autoras participantes deberán presentar unha única historia curta de banda deseñada (máximo 1 páxina) ou tira cómica, con enfoque humorísitico e temática: “A revolución tecnolóxica está a cambiar o mundo. Como serán as profesións e o traballo do futuro? Cómo ve a mocidade o seu propio futuro, o mundo onde terá que traballar cando remate os estudos? Todo isto desde a perspectiva do humor e da crítica”.
A obra, que deberá ser inédita e orixinal, presentarase en papel ou cartolina en tamaño 297x210 mm (DIN-A4) ou 297x420 mm (DIN-A3). Todos os textos que se inclúan na bd ou tira cómica deberán estar redactados en galego aínda que tamén se poderán presentar traballos sen texto.
A obra poderá enviarse por correo postal a: “Museo do Humor Xaquín Marín. Avda. Conces, 20-22, 15500 Fene, A Coruña”. Acompañando á mesma, adxuntarase nun sobre pechado ou plica toda a información sobre o autor ou autora (datos especificados nas bases). Tamén se poderá enviar a obra escaneada por correo electrónico, en formato PDF, ao enderezo seguinte: museodohumor@gmail.com. Neste caso, na mensaxe incluiranse dous arquivos: un titulado “obra” e outro, “plica”.
En canto aos premios, establécense os seguintes:
Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma.
Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)
• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma
• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma.
O xurado estará formado por Inés Vázquez e Víctor Boullón, autores de recoñecida traxectoria no ámbito da banda deseñada infantil e xuvenil coas súas obras Aldara e Aleida, protagonizadas as dúas por heroínas femininas; polo editor de Demo Editorial, Manel Craneo e pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos.
O fallo do xurado darase a coñecer o luns 20 de maio de 2024, no marco da conmemoración do Día dos Museos, a través da páxina web e/ou redes sociais de Demo Editorial, do Museo do Humor Xaquín Marín e dos medios de comunicación.
A entrega do premio terá lugar na primeira quincena do mes de xuño de 2024 nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. E, segundo se establece nas bases, os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos), xunto cunha selección dos debuxos presentados ao concurso figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín nos meses de xuño-xullo de 2024.
Bases completas da convocatoria na web do Concello de Fene, Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial. Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com