As Pingas de humor crítico, de Xoán Andrade, amósanse no Museo do Humor Xaquín Marín no mes de maio

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Perto dun cento de debuxos, caricaturas, viñetas de humor gráfico e ilustracións de Xoán Andrade Vilar (Betanzos, 1959) forman a exposición Pingas de humor crítico que se pode visitar na Casa da Cultura de Fene desde hoxe até o vindeiro 30 de maio. A mostra recolle unha pequena escolma do inxente labor desenvolvido polo artista e educador nas últimas décadas, traballos que tamén se poden ver no seu blog persoal. Pingas de humor crítico amosarase en Fene até finais do mes de maio en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado).

Xoán Andrade (Betanzos, 1959) conxuga dúas paixóns: o ensino e a expresión gráfica. Froito da confluencia das dúas é o seu traballo como ilustrador do método para a aprender a ler e escribir en galego “Chirlo Merlo” (Ir Indo Edicións, 1991) e dos materiais “Proposta para unha intervención integral a propósito da prevención da infección polo VIH-Sida”, “De nais e pais a fillas e fillos - ante a infección polo VIH-Sida” (Xunta de Galicia, 1999) e “Coeducación afectivo-emocional e sexual” (Xunta de Galicia, 2008).

Amais de realizar ilustracións para variados traballos de investigación e deseño gráfico, publicou colaboracións de humor en medios diversos (Revista Galega de Educación, La Región, Praza.gal, Sermos Galiza, Nós Diario, Irimia, A Nosa Terra, Que Quede Quen o Conte… e algunhas publicacións dixitais hoxe desaparecidas como Ómnibus, O Imperdíbel, Eivados da Galiza, Enchufados e O Botafumeiro).