Últimos días para participar no XXVIII Concurso de Humor Gráfico Premios Curuxa 2024 do Museo do Humor Xaquín Marín
Museo do Humor Dixomedíxomes23-05-2024
As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina) ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3).
Os traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Tamén se admiten traballos de humor mudo.
Segundo informa a Concellería de Cultura, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do/a autor/a poderá figurar á vista.
En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía total dos mesmos con respecto a edicións anteriores, cun único premio por categoría. Así o/a gañador/a do 1º premio CURUXA recibirá 2.500 € e diploma, o/a gañador do 1º premio CURUXA NOVA recibirá 1.000 € e diploma, e o/a gañador/a da categoría CARICATURA recibirá 1.500 € e diploma. Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor Xaquín Marín a empregar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXVIII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2024” realizarase durante o último trimestre deste ano.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor Xaquín Marín comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2025.
Bases completas da convocatoria na web municipal do Concello de Fene www.fene.gal ou no B.O.P. núm. 28 do mércores 7 de febreiro de 2024.
Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@fene.gal