Tamén se inaugurará a exposición cos traballos presentados ao certame que convocan o museo fenés e Demo Editorial

O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a entrega de premios do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Xuntanza do xurado do II concurso de BD de Humor Demo Pequeno 2024

Ao redor de sesenta obras compoñen a exposición do II Concurso de Bd de Humor Demo Pequeno que se inaugura este venres, 7 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. A mostra recolle a totalidade dos traballos presentados ao certame que este ano convidou aos rapaces, entre 8 e 16 anos, a debuxar unha historia curta de banda deseñada ou tira cómica, con enfoque humorístico sobre “a revolución tecnolóxica que está a cambiar o mundo”. No acto deste venres, aberto ao público en xeral, entregaranse tamén os premios aos gañadores/as: Diego Noguerol Feijoo (1º premio categoría Infantil), Maia Tato Rodríguez (2º premio categoría Infantil), Ainara Soto Reino (1º premio categoría Xuvenil), e Ana Manso López e Gael Rivas Núñez , do CPR Santa Juana de Lestonnac, Ferrol (2º premio categoría Xuvenil). Tamén haberá diploma e un pequeño agasallo para os finalistas da categoría Xuvenil: Jimena Rivas Garel, do IES Concepción Arenal, Ferrol, e Noa Fachal Bermúdez, do CPI San Sadurniño.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, a responsable do Museo do Humor Xaquin Marín, Almudena Marcos e a debuxante e membro do xurado Inés Vázquez acompañarán este venres aos gañadores e a todos os participantes que se animen a asistir á inauguración da mostra. Ademais, segundo anuncian as entidades organizadoras, á par que abre ao público a exposición física, a partir do venres tamén se poderán ver todas as obras presentadas ao certame nunha galería virtual dispoñible na web do centro fenés (museodohumor.fene.gal).

A exposición do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno permanecerá aberta ao público nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene) do venres 7 de xuño ao mércores 31 de xullo. O horario de visitas até o próximo 21 de xuño será: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. A partir desa data, por por do cambio ao horario estival, a instalación abrirá ao público de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.

FALLO DO XURADO E PREMIOS

Na xuntanza celebrada o pasado 9 de maio, o xurado do II Concurso de BD de Humor Demo Pequeno -formado polos debuxantes Inés Vázquez e Víctor Boullón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- acordou conceder os seguintes premios:

Na categoría infantil (de 8 a 11 anos):

• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma, á obra presentada co título Xeriátrico de Robots. Aberta a plica, o seu autor é Diego Noguerol Feijoo. O xurado valorou a calidade técnica do debuxo, a limpeza no tratamento da cor, unha boa composición e un guión que acompaña coa calidade do debuxo. Ademais salientou que a historia se entende con total claridade.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma, á obra presentada co título Desde o seu punto de vista. Aberta a plica, a súa autora é Maia Tato Rodríguez. O xurado valorou que o guión da historia é moi divertido e que se entende moi ben, convidando a serguir lendo. Ademais, condensa moita información en pouco espacio, sen deixar de ser unha historia de síntese. E que o deseño do personaxe central é moi orixinal e mola moito.

Na categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos):

• 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma, á obra presentada co título Imaxinando o futuro. Aberta a plica, a súa autora é Ainara Soto Reino. O xurado valorou a combinación perfecta entre guión e debuxo, unha técnica de cor espectacular en relación á categoría que compite e o uso moi correcto da narrativa gráfica.

• 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma, á obra presentada sen título. Aberta a plica os seus autores son Ana Manso López e Gael Rivas Núñez (CPR Santa Juana de Lestonnac). O xurado valorou a minuciosidade do debuxo e a calidade do entintado. Tamén salientou a narrativa, clara e directa, e o carácter optimista da historia, resolta con humor branco.

Asemade, o xurado acordou nomear finalistas na categoría Xuvenil, con diploma e agasallo pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Jimena Rivas Garel (IES Concepción Arenal, Ferrol), co título O paraxo robot, e Noa Fachal Bermúdez (CPI San Sadurniño), co título Carmen e as novas tecnoloxías.

Organizan: Museo do Humor Xaquín Marín (Concellería de Cultura do Concello de Fene) e Demo Editorial.