Obradoiro de cómic con Cristian F. Caruncho para festexar o Día dos Museos en Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Os participantes aprenderán a facer un cómic traballando co personaxe de Sainza a punkiereteira

O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá o debuxante e autor de bd Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, Ortigueira, 1997). A actividade, dirixida a persoas de todas as idades a partir dos 7 anos, terá lugar no museo o vindeiro xoves, 15 de maio, de 18 a 20 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (20), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2025.

Cristian F. Caruncho estudou ilustración na EASD Pablo Picasso e historieta no Garaxe Hermético (Pontevedra). En 2011 creou o fanzine Historias de Regho Torto (autoedición) e ese mesmo ano resultou gañador do concurso de Banda deseñada da Mariña que organizou a Asociación Cultural Os Matos Biblioteca IES Perdouro, coa primeira parte de O home que liberou a fraga.

Ten colaborado con medios como Diario de Pontevedra, amais de participar nos volumes colectivos Licor café e O puño e a letra. En 2019 publicou o su libro de cómic Grandarroiba e realizou o videoclip de animación Semilllas, para Tremenda Jauría e Fermín Muguruza. Saínza, a punkiereteira é o título do libro ilustrado que publicou canda María Canosa (Cee, 1978), escritora cunha longa traxectoria como autora de literatura infantil e xuvenil.

Na súa obra, Cristian “manifesta tanto as súas preocupacións ecolóxicas e ambientais coma o seu coñecemento do rural galego. Capaz grazas a un moi particular humor de atemperar la comicidade de moitas das situacións plantexadas nas súas historias sen que o motivo ou a problemática social destas quede relegado a un segundo plano”.

Malia a súa xuventude, Cristian F. Caruncho ten colleitado xa varios premios coma o :

  • 1º Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña por O día de San Martiño. 2023
  • Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo.2020
  • 3º premio Xuventude Crea. 2018
  • 1º premio, XX Concurso Curuxa Nova, Museo do Humor de Fene, 2016
  • 1º premio, II Certame Benito Losada de Banda Deseñada (cat. xuvenil), 2013
  • 1º premio, I Certame Benito Losada de Banda Deseñada, 2012
  • 1º premio, III Certame de Cómic da Mariña, 2011