Isabel Risco pecha este venres o Novembro, mes do humor 2025 co espectáculo Nabiza Girl II, a incrible historia da cultura minguante

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

“Pensabades que morrera, pero estaba de parranda!” Aturuxando desde o cumio do monte Pindo, volve a máis importante superheroína galega, Nabiza Girl, acompañada nesta aventura polo seu fiel escudeiro, Don Galizo, para loitar contra as inxustizas e os problemas que asolagan a nosa terra. Este venres, 28 de novembro, Nabiza Girl, personaxe interpretado pola actriz e humorista Isabel Risco, visita Fene para pechar o ciclo de monólogos Novembro, mes do humor. A cita será novamente ás 20.00 horas e a entrada de balde, aínda que con invitación que se poderá recoller (máximo dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.

Nesta nova odisea, titulada Nabiza Girl II, o incrible caso da cultura minguante, as nosas superheroínas pasarán por un feixe de situacións disparatadas nas que Nabiza deberá empregar todas as súas habilidades para sobrevivir e vencer ao inimigo. Isabel Risco e Alberte Bello, no papel de Don Galizo, achegan unha comedia valente, destemida, arriscada e chea de sorpresas nun espectáculo cheo de feminismo, reivindicación do galego e do noso medio ambiente.

Nabiza Girl II. A incrible historia da cultura minguante, é un espectáculo dirixido por Fran Rei. A peza vai dirixida a público adulto e ten unha duración aproximada de 70´.