As Historias de Icía e avoa, de Sabela Arias, chegan ao Museo do Humor Xaquín Marín

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Apareceron alá polo ano 2003, logo dun período de definición de dous ou tres anos. Naceron co novo século e primeiro foron publicadas en Terras de Santiago; logo no Correo Gallego até 2023; e no Galicia Dixital desde 2006 até hoxe, “así como noutros medios onde elas quixeron”. Pero ademais, as Historias de Icía e avoa, colección de tiras cómicas que saen do maxín da pintora e humorista gráfica Sabela Arias (Lugo, 1969) teñen o seu propio blog e IG, sempre están no Globo de Betanzos, e a partir deste sábado e até o vindeiro 7 de xaneiro, inundarán a sala de exposicións temporais do Museo do Humor Xaquín Marín.

A mostra inaugúrase o sábado 13 de decembro, ás 12.00 horas, podendo visitarse a partir desa data: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Por mor do cambio de horario da Casa da Cultura durante o Nadal, do 20 de decembro ao 7 de xaneiro (inclusives), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).

Ao comezo, as Historias de Icía e avoa trataban temas como a emigración, ou os novos cambios da sociedade dixital e globalizada. Canta xente quedou atrapada na fenda entre o rural e o urbano! Tamén falaban moito do cambio que vai das familias de antes, onde convivían tres ou catro xeracións, ás familias de agora, que somos moi diversas.

E todo isto baixo a mirada das mulleres, de dúas mulleres; da Avoa, que leva co seu refaixo toda a tradición galega, e da nena Icía que está cos ollos ben abertos mirando a vida que ten á fronte. Icía ten seis anos, a Avoa ten moitos máis, e sempre terán eses “porque nas viñetas a xente non se fai vella”.

O trazo que as debuxa é sinxelo e rápido, a cara delas é igual. Só son identificadas polos elementos distintivos (moño, coletas, roupa, altura, caxato…) que as caracterizan a cada unha delas.

Nesta mostra vese a traxectoria destas mulleres durante estes 23 anos, e sorprende que algunas viñetas do comezo estean totalmente de actualidade.

Convidámosvos a pasear polas Historias de Icía e Avoa nesta exposición da man da súa autora, Sabela Arias Castro, así como da asociación Saúde e Terra que ideou e organiza esta exposición coa colaboración do Concello de Fene e do Museo do Humor Xaquín Marín.