Os orixinais poderán presentarse ou enviarse por correo até as 23.59 horas do 31 de maio de 2026
Últimos días para participar no XXX Concurso de Humor Gráfico e Caricatura Curuxa do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes28-05-2026
Recta final da convocatoria dos Premios Curuxa 2026 que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín do Concello de Fene. As persoas interesadas poden enviar ou presentar os seus debuxos no Rexistro Xeral municipal até o 31 de maio ás 23.59 horas. O concurso vai dirixido a artistas residentes na Península Ibérica (España e Portugal) que poderán participar nas seguintes categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. As persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, Curuxa, extremo que implica a renuncia á categoría Curuxa Nova. Si se poderán enviar obras, por parte dunha misma persoa, ás categorías Curuxa (ou Curuxa Nova) e Caricatura.
Os/as participantes poderán presentar un só debuxo por categoría de temática libre, en formato: viñeta, tira cómica ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3). Ademais, excluiranse do certame os debuxos realizados total ou parcialmente con intelixencia artificial, estipulándose que "as obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.
Segundo informa o Museo do Humor Xaquín Marín, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado (plica) no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do/a autor/a poderá figurar á vista.
En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía total dos mesmos con respecto a edicións anteriores, é dicir, cinco mil euros, que se repartirán do seguinte xeito:
. Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 2000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 1000 euros e diploma
. Categoría CURUXA-NOVA (de 16 a 25 anos)
1º Premio, dotado con 500 euros e diploma
. Categoría CARICATURA (maiores de 16 anos)
1º Premio, dotado con 1500 euros e diploma
Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor Xaquín Marín a empregar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2026” realizarase durante o último trimestre deste ano.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor Xaquín Marín comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2027.
Bases completas da convocatoria na web municipal do Concello de Fene (facer click AQUÍ)
Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@fene.gal
