Dixomedíxomes
Este venres, 6 de novembro, arrinca o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Nesta primeira xornada, na que ademais se entregarán os Premios Curuxa 2026, o protagonista será Quico Cadaval. O espectáculo, titulado “30 anos a contar historias. Notas de rodapé ”, comezará ás 20.00 horas. A entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene o mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
“30 anos a contar historias. Notas de rodapé ” é un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2026, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 6 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Juan Gabriel Benavides, Juli Sanchís, Anxo Iglesias e Matías Tolsá recibirán os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
A exposición Caricaturistas de Profesión, producida polo Museo do Humor Xaquín Marín-Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Xunta de Galicia, amosará en Fene a obra de dez reputados caricaturistas de prensa contemporáneos como son: Agustín Sciammarella, Carlos Rodríguez Casado, David García Vivancos, Ernesto Priego, Iván Mata, María Picassó, Matías Tolsá, Raúl, Thorsten Rienth e Turcios. Comisariada polo gañador do Premio Curuxa Caricatura 2024, Iván Mata, a mostra compila cincuenta obras, a razón de cinco por participante, baixo a premisa de seren “as que considera cada artista que mellor definen a súa arte ou son significativas na súa traxectoria artística”.
A exposición de caricaturas inaugúrase este venres 18 de setembro, ás 19.00 horas, cun faladoiro no que tomarán parte catro dos participantes, entre os que se atopa o propio Iván Mata, Ernesto Priego, e os gañadores do Premios Curuxa Caricatura 2025 e 2026, David García Vivancos e Matías Tolsà.
