21-08-2018

Concello e INICE colaboran na posta en marcha dos Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, dirixidos fundamentalmente a mulleres

Concello de Fene e Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (I.N.I.C.E.) colaboran na posta en marcha dunha serie de Obradoiros de Inicio ás Novas Tecnoloxías, gratuítos e dirixidos principalmente ás mulleres. Tras a apertura do prazo de inscrición, as persoas interesadas nestas accións formativas, para as que quedan prazas vacantes, están convocadas a unha reunión informativa na que se explicará o programa, contidos e datas previstas de inicio de cada unha das actividades. Esa reunión terá lugar o martes, 28 de agosto, ás 10 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, bloque 1, baixo, San Valentín).
17-08-2018

Aberto o prazo de inscrición na VI edición da Carreira Solidaria da Muller

Dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro, infórmase da celebración da 6ª edición da Carreira Solidaria da Muller. Un evento de carácter deportivo e lúdico que se desenvolverá na Coruña o vindeiro 16 de setembro para apoiar a loita contra o cancro de mama. Por quinto ano consecutivo, o Concello de Fene colabora coa Asociación Oncohematolóxica Por+Vida patrocinando dous autocares, asumindo o custe da publicidade, aportando persoal municipal e vehículo de transporte para a recollida do material da carreira das participantes e colaborando na recollida de inscricións e organización previa ó evento.
16-08-2018

Festas de Fene libres de violencia sexista

O Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, vén de sumarse á Campaña de Sensibilización para minorizar a violencia sexista nas festas populares baixo o lema “De troula con sentido, as festas galegas libres de violencia sexista”.
01-08-2018

Dezasete mulleres de Fene e bisbarra participarán no Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres

Un total de 17 mulleres de Fene e bisbarra participarán dende mañá xoves, 2 de agosto, no “Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres” que promove o Concello. Con perfís, procedencias, experiencias de vida e idades moi diferentes, confórmase un grupo moi heteroxéneo e á vez moi enriquecedor, onde traballarán as súas capacidades, á súa autoestima, coñeceranse un pouco máis a si mesmas, respectaranse, potenciarán o seu autocoidado emocional e psicolóxico... todo de cara á consecución do seu empoderamento como mulleres e como persoas.
31-07-2018

O Concello de Fene abre a inscrición nunha serie de obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías dirixidos principalmente a mulleres

A iniciativa enmárcase na relación de colaboración co Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas e busca incidir na formación para unha mellor incorporación da muller ós novos sectores de emprego
26-07-2018

O Concello pon en marcha o proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha durante o mes de agosto o Proxecto Indira, Encontros de Mulleres. Dita actividade vai dirixida principalmente a mulleres que sufriron violencia machista aínda que pode participar calquera muller que quera mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse. Para participar é preciso inscribirse previamente achegándose ao Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. do Mar, Bloque 1-baixo en San Valentín); chamando por teléfono (981 342 607 ou 981 492 706); enviando un correo electrónico (servizos.sociais@fene.gal co asunto INSCRICIÓN INDIRA e indicando nome e apelidos e teléfono de contacto).
26-07-2018

O cantante Enrique Ramil comparte as súas experiencias no programa Mocidade Activa que impulsan Fene, Mugardos e Neda

Enrique Ramil, cantante aresán ex concursante de Operación Triunfo e, máis recentemente de Factor X, fixo unha parada na súa xira de concertos por toda España para visitar onte pola mañá en Fene ós rapaces e rapazas que participan no programa Mocidade Activa. Un programa que impulsan conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda e que nace para fomentar hábitos saudables e alternativas enriquecedoras entre a mocidade, que deixen ó marxe condutas aditivas.
20-07-2018

Acto de condea do Concello de Fene

Dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, convócase para hoxe venres 20 de xullo de 2018 ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa ás 12:00 h na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA DE MARÍA JUDITE MARTÍNS ALVES de 54 anos, veciña de A Coruña
10-07-2018

Arrancan os obradoiros do programa Mocidade Activa que promoven os concellos de Mugardos, Neda e Fene

Os obradoiros do programa Mocidade Activa, que promove o Concello de Fene xunto ós de Mugardos e Neda, arrancaron esta mañá. E, máis concretamente, o taller Radio Difusión e Experimentos Sociolóxicos, que se celebrará todos os martes ata finais de agosto en horario de 11 a 14 horas. Pola súa banda, o obradoiro de Curtas comezará este xoves no mesmo horario e, como no caso anterior, desenvolverase semanalmente durante este mes e o seguinte. Nun e noutro caso, as actividades teñen lugar na Aula de Informática do Concello (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita) e están dirixidas a rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos.
25-06-2018

A bandeira arco da vella ondea dende esta mañá na fachada da consistorial de Fene

Colocouse no transcurso dun acto simbólico co que se quixo sensibilizar á poboación cara a tolerancia e o respecto polas Diversidades Sexuais.