O Concello de Fene adiantou esta mañá a programación coa que conmemorará o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha axenda de actividades que combina arte comunitaria, memoria, reflexión e compromiso colectivo. As actividades centrais desenvolveranse os días 25 e 26 de novembro, incluíndo unha acción simbólica nos exteriores da Casa Consistorial, e a proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, con coloquio posterior.
O propio 25 de novembro, martes, ás 12h, inaugurarase na Casa do Concello unha instalación artística composta por 1000 flores lilas elaboradas a man por un grupo de veciñas de Fene, as mulleres do gancho. Un acto de creación colectiva que converte a labor artesanal nun símbolo de resistencia e sororidade.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “estas flores representan o compromiso vivo das mulleres de Fene coa igualdade e na defensa dos dereitos das que xa non teñen voz”, e lembrou tamén que este tipo de accións “visibilizan o papel das mulleres como axentes de cambio e fortalecen o tecido comunitario”.