20-01-2023

A Concellaría de Servizos Sociais de Fene presenta o Plan Municipal de Implementación dos ODS

O Concello de Fene aprobou recentemente por resolución da Alcaldía o Plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU dentro da Axenda 2030. O documento, promovido pola Concellaría de Servizos Sociais coa participación do tecido social, político e educativo do municipio, pretende ser unha guía de actuación tanto para o consistorio como para a veciñanza de cara a cumprir eses 17 obxectivos mundiais cos que se perseguen dúas fins intimamente ligadas: frear o cambio climático e construír unha sociedade máis xusta. 
01-12-2022

Concentración de condea e rexeitamento polo asesinato por violencia machista en Lugo

Dende a Concellaría de Igualdade do Concello de Fene, convócase ao persoal do Concello, ao persoal político e a todas as persoas que desexen unirse, a unha concentración silenciosa, hoxe xoves ás 12:00 h, na porta da Casa do Concello para manifestar públicamente a condea e rexeitamento polo ASASINATO POR VIOLENCIA MACHISTA de Cristina Cabo Buján de 42 anos ocorrido en Lugo.

Agradecemos de antemán a vosa asistencia como xesto de condea, repulsa e solidariedade.
25-11-2022

Manifesto Institucional 25 Novembro 2022, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Como cada 25 de Novembro o Concello de Fene alza a voz contra ese silencio. Sumamos a nosa palabra á de millóns de mulleres e homes que en todo o planeta din basta e reafirmamos ese compromiso tamén con feitos.
Non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia dolorosamente cotiá da violencia machista porque non é un destino escrito en pedra senón o resultado, tal e como sinala Nacións Unidas, “dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persiste como unha crise silenciosa”.
A violencia machista segue forte na nosa sociedade, como mostra da vixencia do sistema patriarcal. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.
21-11-2022

A Casa da Cultura  acolle este serán a representación de "#2Pilgrims", dentro da programación do 25N

Hoxe, 21 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a partir das 19:00h. a representación de "#2Pilgrims", protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O Camiño de Santiago é espazo para unha auto-ficción na que ambos protagonistas -ela coñecida por ter participado na serie Acacias 38 e el por ser o neno de Pratos Combinados- tentan buscar a maneira de relanzar as súas carreiras artísticas.  Nesa procura vital vanse tocando temas como a igualdade, o feminismo, as novas masculinidades e a importancia actual das redes sociais. A obra producida por Redrum Teatro chega a Fene a través do programa da Xunta O teu Xacobeo. Vai dirixida a público adolescente e adulto e a entrada é gratuíta.
14-11-2022

O programa “Coidados porta a porta” da Consellería de Política Social estará este mes en Fene

Proposta dirixida ás persoas maiores de 55 anos na que lles ofrece unha serie de recursos de atención sen que teñan que desprazarse fóra da cidade: revisións, valoracións auditivas, servizos de podoloxía, probas de valoración cognitiva, exercicios de estimulación para previr o Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

Para utilizar algún destes servizos hai que solicitar cita previa no 622748283/623546992 ou escribindo a coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal. A unidade móbil estará situada en San Valentín os días 23, 24 e 25 de novembro en horario de 9:00 a 20:00 h.
 
08-11-2022

Fene inicia este mércores os actos co gallo do 25N

O Concello de Fene izará este mércores ás 10:00h a bandeira violeta que identifica non só a reivindicación plena de dereitos para a Muller, senón tamén a necesaria erradicación das violencias machistas de todo tipo. O departamento municipal de Igualdade inicia deste modo simbólico un ciclo de actividades con motivo do 25 de Novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas-que se completa coa adhesión de Fene, un ano máis, á campaña provincial "De fronte á violencia de xénero", cuxo programa se dará a coñecer nestes días. O Concello distribuirá o material da campaña -cartelería e códigos QR do Punto Violeta- entre o comercio e a hostalaría, ademais de organizar charlas para a adolescencia e dúas citas escénicas. 
31-10-2022

Subvencións ás familias para a adquisición dos agasallos do Nadal

O Concello ven de convocar as subvencións dirixidas ás familias para a adquisición de agasallos para a festividade de Nadal.

A publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia do 31 de outubro establece a apertura do prazo de presentación de solicitudes por un prazo de 15 días hábiles. Isto é, do 2 ao 22 de novembro, ambos inclusive.

Van dirixidas ás familias con nenos e nenas nados/as haxan nados/as no ano 2005 e posteriores, ou maiores desta idade e nados/as no ano 2004 e posteriores sempre que teñan o recoñecemento oficial de minusvalía ou grao de discapacidade.

Coas subvencións cubriranse os gastos derivados da adquisición de agasallos para a festividade de Nadal, a saber: xoguetes, xogos, libros, material didáctico e outros obsequios que correspondan coa idade do ou da menor a quen vai dirixida a axuda, sempre que estes sexan adquiridos no período comprendido entre o día de apertura da presente convocatoria e o día 6 de xaneiro de 2023.

Con carácter xeral poderase xustificar a subvención con gasto relativo á adquisición de roupa, calzado ou material deportivo sempre que o importe total do gasto realizado non supere o 75% da axuda concedida.
21-10-2022

Fene súmase á conmemoración do 25º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemora hoxe os seus 25 anos de andaina cun gran acto no que se recoñece o labor dos concellos fundadores -entre os que se atopa o de Fene- e das entidades que impulsaron esta rede na que un cento de municipios e tres deputacións comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Representantes da administración local, da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno participan neste evento no que os países do Sur están representados polo presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. 
20-10-2022

Taller de defensa persoal, autoconfianza e empoderamento para rapazas entre 13 e 18 anos

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Fene abre o prazo para participar no taller “Defensa persoal, autoconfianza e empoderamento” que se desenvolverá durante 9 meses, de novembro de 2022 a xuño de 2023, os martes e xoves de 18:30 a 19:45 horas nas instalacións do C.M.I. Unidade de Fene. A actividade é gratuita e vai dirixida a mulleres de entre 13 e 18 anos co obxectivo de "formalas en defensa persoal e así mellorar a confianza en sí mesmas, tendendo ao seu empoderamento". Así, as participantes aprenderán a defenderse empregando técnicas de distintas disciplinas como Kicboxing ou Taekwondo.
10-10-2022

21 familias participan no programa "Educando en familia"

Esta semana botou a andar o programa "Educando en familia" organizado pola Concellaría de Servizos Sociais de Fene. A través de encontros semanais guiados pola terapeuta Virginia Castro, as 21 familias participantes terán a oportunidade de aprender de aquí a xuño distintas técnicas relacionadas coa xestión de conflitos e a educación emocional, pero tamén recomendacións sobre pautas e límites que se deben marcar no núcleo familiar co obxectivo de establecer relacións de confianza que favorezan o correcto desenvolvemento durante a etapa infantil e a adolescencia.

Servizos Sociais dividiu a actividade en dous grupos, un os martes de 16:30 a 18:00h e outro os venres entre as 9:30 e as 11:00h., coa finalidade de que as persoas participantes puidesen conciliar a asistencia co traballo ou outras obrigas.