A Casa da Cultura de Fene énchese a partir deste venres de "Sons Diversos"

A Casa da Cultura de Fene énchese a partir deste venres de "Sons Diversos"

O programa  traerá a Fene a partir deste venres ao coro de cámara Ludus Tonalis, ao cuarteto de swing, boogie-woogie e dixieland Las Lollipops, ao dúo de pop-folk galego formado polos irmáns Amparo Arias e Roger de Flor e ao Sofía Espiñeira Trío, formación de voz e guitarra, acompañada da gravedade do contrabaixo e da forza da percusión.


"Son Diversos" desenvolverase durante a segunda quincena de maio e primeira de xuño no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Todas as actuacións do ciclo comezarán ás 20.00 horas. A entrada será de balde e libre até completar o aforo (120 localidades).

O coro de cámara Ludus Tonalis abrirá o ciclo Sons Diversos este venres, 19 de maio, con "Voces riseiras, músicas arredor do mundo". O repertorio deste primeiro espectáculo inclue música de cine, boleiros, cancións zulúes, galego, brasileiras... e un sinfín de composicións entretidas e divertidas para tódolos públicos.
A segunda actuación, prevista para o venres 26 de maio correrá a cargo de Las Lollipops & piano cunha proposta musical en homenaxe ao trio vocal "The Andrew Sisters", especialistas en swing, boogie-woogie, e novidosos hits con selo persoal....
O programa continuará o venres 2 de xuño con Amparo Arias e Roger de Flor; feneses, irmáns e socios musicais, que amosan no seu espectáculo conxunto a súa particular maneira de entender a vida, a música e a arte a través de cancións dos seus respectivos traballos discográficos, con algunhas adaptacións de xoais ocultas do pop-folk galego e universal, a algún que outro poema musicado.
Sons Diversos concluirá o venres 9 de xuño coa actuación de Sofía Espiñeira Trío; cantautora mugardesa gañadora do II Certame de Canción de autor en galego do concello de Teo, no ano 2015, que presentará no noso concello o seu primeiro traballo discográfico.

Descargas