Fene destina 130.000 euros a colaborar coas entidades sociais e deportivas do municipio

Fene destina 130.000 euros a colaborar coas entidades sociais e deportivas do municipio

Fene destina 130.000 euros a colaborar coas entidades sociais e deportivas do municipio

O Boletín Oficial da Provincia  acaba de publicar  as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para as entidades sen ánimo de lucro do municipio. En total distribuiranse 75.500 euros entre as organizacións veciñais e socioculturais, as deportivas e as ANPAs dos centros educativos para axudarlles cos gastos en actividades desenvolvidas durante  2016. Ademais desta contía, o Concello tamén asinará dentro duns días a correspondente a convenios nominativos da presente anualidade, que ascende a 54.500 euros -3.000 máis que o ano pasado-, e da que se beneficiarán 16 entidades do territorio. O venres 15 de decembro finaliza o prazo de presentación das solicitudes para as axudas en concorrencia competitiva. Ese mesmo día tamén remata o prazo para achegar a documentación xustificativa dos convenios.

 

En canto á convocatoria publicada no BOP do mércores 29 de novembro, poderán optar a estas subvencións as entidades ou asociacións que estean xuridicamente constituídas, xa sexan socioculturais ou deportivas, así como os comités veciñais, as comunidades de bens e calquera unidade económica ou con patrimonio separado que, aínda non tendo entidade xurídica propia, poidan levar a cabo os proxectos e actividades obxecto da convocatoria. Neste último caso, o das agrupacións sen personalidade xurídica de seu, deberán nomear unha persoa representante con poderes bastantes para poder cumprir as obrigacións que lle correspondan á agrupación como beneficiaria.

Tanto estas como o resto de entidades deberán cumprir, como requisitos xerais, o de carecer de fins lucrativas, desenvolver as súas actividades no concello de Fene, non ter pendentes xustificacións de exercicios anteriores, estar ao día nas obrigas fiscais e tributarias e non encontrarse en ningún suposto de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.


As solicitudes -que figuran na web municipal xunto coas bases- han de presentaranse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de dez días hábiles contados a partir de hoxe xoves (incluído). Botando contas dá que o prazo rematará o próximo venres 15 de decembro.

O Concello dispuxo unha partida orzamentaria de 75.500 euros para colaborar, entre outros, cos custes das actividades ofrecidas polas sociedades, cos do mantemento de locais e co gasto en fichas federativas, desprazamentos e mantemento de escolas culturais e deportivas.

Esta contía distribúese en tres grandes bloques: 5.000 euros para as asociacións de pais e nais dos centros de ensino, que poderán percibir un máximo de 2.500 euros de subvención; 32.000 euros para as entidades socioculturais, cun tope de 8.000 euros de axuda, e, por último, 38.500 euros destinados a clubes e entidades deportivas tamén co límite máximo de 8.000 euros.

Convenios nominativos
Alén desta convocatoria competitiva para actuacións desenvolvidas en 2016, o Concello tamén suscribirá en breve os convenios nominativos con 16 entidades do municipio para colaborar en eventos e programas que se levaron a cabo este ano.

En total distribuiranse 54.500 euros para unha vintena de actividades concretas, como son festas de tipo sociocultural, musical, gastronómico ou do motor; o desenvolvemento de obradoiros e o mantemento de servizos sociocomunitarios.

Entre as sociedades beneficiarias encóntranse Os Centolos -organizadora do Fene Rock-, Agarimo de Sillobre -que promove a festa etnográfica das Lavandeiras-, a asociación veciñal de Magalofes -como impulsora da Festa do Poldro-, a A.VV. Santa Eulalia de Limodre -organizadora da Festa do Orella-, a Asociación Cultural Felicia -responsable do Felipop-, o CMI Unidade de Fene que convoca o premio poético Pérez Parallé, a agrupación Airiños de Fene -promotora da Xuntanza de Gaiteiros-, o, CRD O Pote de Maniños -que desenvolve a Festa da Ameixa e a Romaría O Pote-, a ACRD Liga de Amigos -organizadora da Romaría do Camiñante-, a Asociación Vikingos Río Castro -quen levou adiante este ano a XI Romaría Vikinga-  e Club escudería Scratch Fene, responsable do Slalom Fene.

No referido a convenios dirixidos a apoiar o traballo no eido social, neste 2017 suscribiranse convenios nominativos  coas ANPAs de Centieiras e Os Casais  como xestoras dos comedores escolares de cada un deses centros de ensino, pero tamén con Cáritas, Aspaneps e a Fundación Amigos de Galicia.

A partida total destinada polo Concello a convenios incrementa en 7.000 euros a contía consignada o ano pasado coa mesma finalidade.

Agárdase que as entidades e mailo Concello asinen os acordos dentro duns días, posiblemente a semana que vén. En calquera caso, a documentación xustificativa dos investimentos realizados tamén se deberá presentar o 15 de decembro como moi tarde.

Ligazóns