Fene súmase ao Festival Teatral Entes Animados con funcións en Limodre e Sillobre esta fin de semana

Fene súmase ao Festival Teatral Entes Animados con funcións en Limodre e Sillobre esta fin de semana

Do venres 24 ao domingo 26 de setembro, os Concellos de Fene, Neda, Mugardos, Cabanas, Ares e Sada, xunto coa asociación veciñal de Canido e os establecementos La Room e Sevilla, de Ferrol, acollerán ao redor dunha quincena de espectáculos de monicreques, no marco do 3º Festival Teatral Entes Animados, FESTEA, que promove a Asociación Cultural Titerario. As citas en Fene serán no local da A.VV. de Limodre, este venres ás 20.00 horas, coa compañía portuguesa Rui Sousa, e en Agarimo de Sillobre, o domingo ás 13.00 horas, co grupo Flash Teatro. Námbolos dous casos, a entrada será libre até completar o aforo dispoñible.

O festival Festea trae a Fene nesta edición ao marionetista Rui Sousa co espectáculo infantil e familiar “Fíos máxicos” no que “varias marionetas de fíos desfilan e exhiben as súas habelencias coa música, coa danza e, mesmo, co circo. Todas elas presentan un truco, unha fantasía ou unha sorpresa, levando ao público cara un mundo máxico e encantado”. A función comezará o venres 24 de setembro, ás 20.00 horas no local da AVV de Limodre.

A propósito do artista, “logo dun período de aprendizaxe no eido da pintura e unha formación musical, pasando polo ensino e animación, Rui Sousa transformouse en marionetista profesional, exercendo a profesión até a actualidade. Como marionetista é recuperador das tradicionais artes das marionetas de fíos (vertente de variedades) e Teatro Dom Roberto, elevándoas a patrimonio vivo. Máis alá da súas actividade en teatros, auditorios e centros de ensino, adoita estar presente na case totalidade dos festivais de monicreques en Portugal e en toda a península ibérica”.
Logo desta primeira función no concello de Fene, o domingo 26 de setembro, ás 13.00 horas, actuará no local social da SCRD Agarimo de Sillobre a compañía Flash Teatro coa peza infantil e familiar “Juanito y María”.

Nesta obra “Juanito sae na procura da súa amiguiña María para dar un agradable paseo polo parque pero, de súpeto, atópaa moi alterada porque di que veu unha pantasma de lunares de cores que a asustou. Entón Juanito, forte e valente, acorda saír buscar á pícara pantasma”.

Flash Teatro é unha compañía sevillana creada en 1992. Dende os seus comezos foi desenvolvendo un intenso labor profesional, realizando múltiples representacións en concellos e cidades de Andalucía, e participando en mostras e festivais internacionais dentro de España. Con varias montaxes na súa traxectoria, utiliza como referencia a linguaxe do monicreque e a pantomima, o rigor e a profesionalidade procurando sempre espectáculos participativos e divertidos para todos os públicos.

Máis información en https://www.facebook.com/fesivalteatralentesanimadosartabra/