Fíos máxicos no local da AV de Limodre

Fíos máxicos no local da AV de Limodre

O local da AV de Limodre acolle este venres, ás 20.00 horas, o primeiro espectáculo do 3º Festival Teatral Entes Animados 2021 no Concello de Fene. O protagonista da función, dirixida a público infantil e familiar, será o marionetista portugués Rui Sousa cunha montaxe titulada “Fíos máxicos”. Entrada libre até completar o aforo.
 
En "Fíos máxicos", “varias marionetas de fíos desfilan e exhiben as súas habelencias coa música, coa danza e, mesmo, co circo. Todas elas presentan un truco, unha fantasía ou unha sorpresa que leva ao público cara un mundo máxico e encantado”.
 
A propósito do artista, “logo dun período de aprendizaxe no eido da pintura e unha formación musical, pasando polo ensino e animación, Rui Sousa transformouse en marionetista profesional, exercendo a profesión até a actualidade. Como marionetista é recuperador das tradicionais artes das marionetas de fíos (vertente de variedades) e Teatro Dom Roberto, elevándoas a patrimonio vivo. Máis alá da súas actividade en teatros, auditorios e centros de ensino, adoita estar presente na case totalidade dos festivais de monicreques en Portugal e en toda a península ibérica”.