A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar

A Biblioteca Municipal de Fene conmemorará o vindeiro martes o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio”, festexará a biblioteca de Fene o Día do Libro, o vindeiro martes 23 de abril, ás 18 horas (entrada libre e de balde até completar o aforo). Trátase dunha función de maxia clásica adaptada aos nosos tempos, con aparicións e desaparicións, levitacións imposibles e maxia interactiva na que o público será o grande protagonista.

Neste espectáculo, o Mago Marco recolle a maxia en forma de luces que saca das orellas e narices do espectadores e gárdaas nun saco. O saco, ao encherse co seu peso, abre e entón aparece unha magnífica constelación de estrelas. Uns seres marabillosos que nos visitan, pombas máxicas, e que poden saír dun simple pano ou dunha folla de xornal. Mesmo, ás veces, aparecen no medio dunha bola de lume.

Ademais, creará unha fermosa ilusión cun globo e fará levitar e voar unha mesa. E convidará a alguén do público a transformarse en mago ou maga para deleitar ás persoas asistentes con números cómicos. E xa ao remate, non faltará unha enorme treboada de neve.

Data: martes 23 de abril
Lugar: salón de actos da Casa da Cultura-Biblioteca Municipal de Fene
Hora: 18.00 horas
Función dirixida a todos os públicos.

Organiza: Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia (Ler conta moito)