Fernando Iglesias Mouta e Ana Martínez Fernández, gañadores do XXII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene
Museo do Humor DixomedíxomesO xurado destaca a calidade dos traballos presentados e avanza que o Museo do Humor albergará no mes de outubro unha mostra cunha selección destes
29-06-2018
O certame, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
O alcalde e presidente do xurado, Gumersindo Galego, avanzaba esta mañá que en outubro o Museo do Humor inaugurará unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria e que previsiblemente coincidirá co acto de entrega dos galardóns, dotados no caso da Curuxa Gráfica con 2.000 euros e diploma (primeiro premio) e 1.500 euros e diploma (segundo premio) e no caso da Curuxa Nova con 1.000 e 500 euros para o primeiro e segundo premio respectivamente, xunto ó diploma.
O xurado estivo integrado, amais de polo alcalde, pola concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos; Daniel Romero, en calidade de secretario do xurado, e polos humoristas gráficos Borja Ramón López Cotelo (gañador do 1º Premio Categoría Curuxa 2017); Andrés Simal González (gañador do 1º Premio Categoría Curuxa Nova 2017) e Kiko Da Silva.
Máis polo miúdo, na categoría Curuxa Gráfica, o xurado acordou o primeiro premio para Fernando Iglesias Mouta polo seu traballo “Chus”, presentado co lema “Señor K”. Del, valorouse "a claridade da súa proposta gráfica, con referencias a escolas europeas, e a inmediatez do chiste e a delicadeza para tratar con humor e moito respecto o tema da relixión. Sen lugar a dúbidas, a mellor viñeta presentada a concurso".
O segundo lugar foi para Manuel Arriaga de León polo seu traballo titulado “Pésame” e o lema “Sergio”. Del, o xurado destacou "o protagonismo que deu a un tema animalista moitas veces ignorado: a amizade que ás veces os seres humanos temos coas nosas mascotas, mascotas máis tenras que algúns seres humanos". A maiores, puxeron o acento en que a caricatura amosa moitas razas de can, conseguindo a empatía cos animais.
Por último, o xurado quixo salientar os traballos non premiados que chegaron á fase final, concedéndolles mención de honra, sen dotación económica. Foron: “Natureza”, de Alejandro Viñuela Agra, e “Felicidade”, de Beatriz Rodríguez Gregores
Así mesmo, na categoría Curuxa Nova, o xurado concedeu o primeiro premio ó traballo de Ana Martínez Fernández, presentado baixo o título “A banda dos capóns en acción” e o lema “Até”. Dela destacaron "a composición narrativa da páxina, moi orixinal e interesante para unha historia de humor, e a incorporación da resminiscencias de manga dende unha perspectiva persoal, con pegada de autora que a singulariza". Salientaron tamén "a coralidade do debuxo e a súa capacidade para resolver. A súa limpeza no orixinal e a madurez da composición para un traballo presentado como Curuxa Nova. Un traballo gráfico moi meritorio".
Respecto ó segundo premio, o xurado valorou no traballo de Fojón Caruncho, titulado “Feve 20018” e co lema “Buxatiño”, "o seu humor retranqueiro, vencellado ó problema da comunicación ferroviaria da comarca de Ortegal, poñendo de relevancia un problema social dende o punto de vista dunha persoa que o sofre a diario. Graficamente, unha proposta moi clara cun espléndido uso do branco e negro no que tamén salienta a boa escolla dos recursos gráficos".
Así mesmo, o xurado concedeu mención de honra, sen dotación económica, ós seguintes traballos, que acadaron a fase final: “Furancherie” de Miguel Bouzas Rodríguez; “Visita”, de Helena Fernández Carou; “Vida anfibia”, de Antón Agra García Malvar, “Fora de tempo”, de Marta Picallo Rodríguez, e sen título de Antía González Arras.