Inaugurada en Fene a exposición “Cores. O reflexo da alegría de vivir” de Flor Taracido
Museo do Humor DixomedíxomesA mostra poderá visitarse ata finais de mes de luns a venres de 10 a 14,15 h
04-07-2018
Acompañada do alcalde, Gumersindo Galego, e da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e arroupada por numeroso público, a artista Flor Taracido inaugurou onte á tarde a súa exposición de pintura “Cores. O reflexo da alegría de vivir” na Casa da Cultura-Museo do Humor. Alí poderá visitarse durante todo o mes, de luns a venres de 10 a 14,15 horas.
“Apaixonada da pintura” tal e como ela se define, chegou á mesma de xeito autodidacta, aínda que logo asistiu a cursos de Artes Plásticas no Centro Santa Teresa de Málaga, e mesmo foi profesora de Plástica en diferentes colexios.
Flor Taracido leva máis de 20 anos experimentando diferentes técnicas: carbonciño, plumilla, pastel, collage e, sobre todo, óleo. En canto ó estilo da súa pintura, asegura identificarse co “fauvismo”, polo seu estilo ledo e vitalista, “un fiel reflexo da miña personalidade e carácter”.
Ó longo da súa traxectoria artística, ten amosado a súa obra en diferentes exposicións, tanto individuais como colectivas, no Pazo da Cultura de Carballo, no Centro Sociocomunitario da Xunta de Galicia en Ferrol, na Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, no Casino Ferrolano ou en Exponav-Museo da Construcción Naval de Ferrol.