A entrega dos galardóns coincidirá coa apertura, a cargo do contacontos Celso Fernández, dun novo ciclo “Novembro, Mes do Humor”

O Museo do Humor entrega este venres os "Premios Curuxa 2017"

Inicio   Fene hoy  

Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, os debuxantes Borja Ramón López Cotelo (“El primo Ramón”), Andrés Meixide, Andrés Simal e Andrés Garrido recibirán este venres da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. 

Unha hora antes, ás 19 horas, a Corporación Municipal de Fene recibirá aos autores premiados na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura - Museo do Humor onde se amosan, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.

O xurado do XXI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 20 de xuño nas instalacións do Museo do Humor de Fene, acordou por unanimidade outorgar o Primeiro Premio “Curuxa 2017” ao debuxante Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, por unha obra titulada “O mellor amigo do home”. O xurado salientou “o seu debuxo sintético e equilibrado, así como o tratamento que fai da incomunicación derivada do abuso das novas tecnoloxías”. Tamén na categoría “Curuxa” (maiores de 25 anos), o segundo premio recaeu nesta edición no debuxante Andrés Meixide Gayoso, por unha obra titulada “Beeeeeeenvidos” na que salienta “a súa capacidade de codificar a mensaxe con moi pouco texto, a boa resolución gráfica e o manexo da cor”.

Na categoría “Curuxa Nova” (menores de 25 anos) o primeiro premio foi para Andrés Simal González, por “Un paseo sobrenatural”. O xurado salientou desta obra “a súa temática, moi relacionada coa idiosincrasia propia do país, reflectida nun debuxo moi orixinal, no que destaca a súa excelente execución técnica e dominio da cor”. O segundo premio foi para Andrés Garrido Martín por “Triassic World”, unha obra na que o xurado valorou, sobre todo, “a súa boa execución técnica, o traballo da cor e a expresividade do debuxo”.

Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios para os autores gañadores dos Premios Curuxa consistirá nun diploma e nunha gratificación económica que ascende a 500 € para o segundo premio Curuxa Nova, 1000 € para o primeiro premio nesta categoría, 1500 € para o gañador do segundo premio Curuxa e 2000 € para o do primeiro premio Curuxa.

O xurado dos Premios Curuxa 2017 estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez, polos debuxantes Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Alberto Cardona Valcárcel (gañador do 1º premio categoría Curuxa 2016) e Cristian Fojón Caruncho (gañador do 1º premio categoría Curuxa Nova 2016), xunto coa coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos e o xestor de Actividades Culturais do Concello, Daniel Romero (que actuou en calidade de secretario do certame).

NOVEMBRO, MES DO HUMOR

O acto de entrega dos Premios Curuxa coincidirá este venres, 3 de novembro, co comezo do ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que inclúe, como en edicións anteriores, catro espectáculos para público adulto (os venres do mes de novembro, ás 20.00 horas).

Esta primeira función correrá a cargo do contacontos lalinense Celso Fernández Sanmartín, “Celsiño”. As persoas que desexen asistir, tanto á entrega dos Premios Curuxa como a este primeiro monólogo do ciclo, deberán recoller as súas invitacións (2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 18.30 horas. Entrada de balde.

Na segunda sesión do “Novembro Mes do Humor”, prevista para o venres 10 de novembro, actuará o actor e humorista David Noya, e na terceira, o 17 de novembro, subirán ao escenario da Casa da Cultura de Fene Isabel Risco e Fran Rey cun espectáculo titulado “Falar sen cancelas”. O ciclo pecharase o venres 24 de novembro cun monólogo a cargo de Pepe Capelán.