A exposición inaugúrase o xoves 21 de decembro ás 20.00 horas
19-12-2017
O Nadal Galego, as figuras de María Soliña, Pepa a Loba ou O Maio, o grupo de árbores “O bosque de Merlín” ou os cadros cerámicos de San Martiño Pinario e de San Ero de Armenteira. Son só algunhas das xoias que incluirá a exposición “Cerámicas de Pérez Porto” que se inaugura este xoves, 21 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Fene.
O acto –que contará coas intervencións do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do mestre e escritor Antón Cortizas e do propio artista- incluirá unha lectura teatralizada dunha obra (sen título) de D. Xosemaría Pérez Parallé, pai de Pérez Porto. Intervirán: Aurora Varela, Rosa Martínez, Manuel Díaz, Andrés C.M. Rivera, María Xesús Millarengo, Candela Quintía, Carme Romero e Esther Val.
“Cerámicas de Pérez Porto” preséntase como unha mostra antolóxica na que se poderán ver, amais de esculturas, pezas torneadas e cadros cerámicos, acuarelas, proxectos e fotografías de monumentos realizados polo ceramista fenés como os planos da fonte de Castelao, construída polo artista no Museo Carlos Maside de Sada. A través desta exposición. os/as visitantes poderán facer un seguemento da traxectoria do artista, dende as súas primeiras obras até as últimas creacións como a colección de tubos “Estudo e desenvolvemento dun tubo”.
A exposición permanecerá aberta ao público na Casa da Cultura de Fene do 21 de decembro de 2017 ao 28 de febreiro de 2018 en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante o Nadal (do 22 de decembro ao 7 de xaneiro) o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, o venres 22 de decembro, o mércores 27 e o venres 29 de decembro tamén se abrirá en horario de tarde, de 17 a 21 horas.
Francisco Pérez Porto (Barallobre, 1938) iniciouse no mundo da cerámica alá polo ano 1968. “Aprendeu en Buño a técnica do torno para logo darlle una volta á cerámica tradicional e facela arte”, segundo palabras de Isaac Díaz Pardo, co que colaborou vinteoito anos en Sargadelos, non só creando senón tamén dirixindo as experiencias internacionais de verán.