O Museo do Humor acollerá este venres a entrega dos Premios Curuxa 2018 e o monólogo de José Luis Gutiérrez "Guti"

Inicio   Fene hoy  

O acto, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, comezará ás 19 h

Fernando Iglesias Mouta, “Kohell” (1º premio na categoría Curuxa), Manuel Arriaga de León (2º premio na categoría Curuxa), Ana Martínez Fernández (1º premio na categoría Curuxa Nova) e Cristian Fojón Caruncho (2º premio na categoría Curuxa Nova) recibirán este venres, 26 de outubro, os galardóns que os acreditan como gañadores dos Premios Curuxa 2018. Será nun acto no Museo do Humor que arrancará ás 19 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, coa recepción ós gañadores e finalistas do certame. Así mesmo, e con entrada libre, ás 20 horas procederase á entrega dos premios ós nomeados gañadores e dos diplomas ós/ás finalistas do certame: Beatriz Rodríguez, Helena Fernández, Antía González, Antón Agra, Miguel Bouzas, Alejandro Viñuela e Marta Picallo.

Os seus traballos, xunto a outros moitos presentados ó concurso, todavía poderán visitarse nestas instalacións municipais ata o 2 de novembro, onde permanece a mostra das creacións presentadas ó certame deste ano convocado polo Concello de Fene.


E despois do acto…


Ó remate do acto de entrega de premios, dará comezo o monólogo do polifacético José Luís Gutiérrez, "Guti". Gaiteiro, cantador, bailador e sobre todo contador de historias, leva anos buscando a Voz de vello, palabras de vello, palabras de pobo dende abaixo. Esas son as ferramentas de Guti para contar. As historias son memoria colectiva e son inmemoriais, e por iso usa as palabras, as historias persoais, os recordos e as fabulacións dos narradores vellos, de xentes que un día lle abriron as portas da cociña, do comedor, xente coa que compartiu matanzas, rondas, bailes, traballos e penas. Coñeceu ó narrador antes que ás mesmas historias, úsaas para volver xunto a aqueles narradores, e no posible para sentar ó público ou ó lector nesa solaina do mes de febreiro ou nesa lumbre baixa.