Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
07-04-2020

O Museo do Humor pon en marcha a actividade "Peque-humoristas en acción!" no marco do programa #Fenequedanacasa

PEQUE-HUMORISTAS EN ACCIÓN! é una actividade dirixida aos máis pequenos da casa aos que pedimos que pensen naquelas cousas que os divirten e que, á vez, poden axudar a facer rir aos demais. Se un neno/a sabe debuxar, pode facer un debuxo humorístico ou un chiste gráfico. Se ten una gracia especial para contar chistes, pode gravar un audio ou un vídeo co mellor chiste que coñeza. Tamén pode enviar un pequeno monólogo humorístico, una foto graciosa ou una imitación dalgún personaxe famoso. O caso é rirmos un pouco nestes tempos de confinamento nos que #Fenequedanacasa.
25-03-2020

Queres participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico "Curuxa do humor 2020"?

O Concello de Fene vén de aprobar as bases dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” aínda que, por mor da suspensión de prazos para a tramitación de procedementos administrativos, polo de agora non se poden publicar as mesmas na Base Nacional de Subvencións nin o extracto no Boletín Oficial da Provincia, trámites necesarios para completar o procedemento e “abrir” oficialmente o prazo de presentación de obras. Malia todo, dende a Concellería de Cultura anímase aos/ás debuxantes a que vaian preparando os seus debuxos. As obras só poderán enviarse unha vez estea normalizada a situación e se poidan publicar as bases na B.N.S. e no B.O.P., cuestións das que se informará a través da páxina web do Concello de Fene e das distintas redes sociais do Museo do Humor. 
24-03-2020

Visita virtual á exposición "Mundos etéricos" de Rosa Salanova

Perante a necesidade de restrinxir o contacto entre as persoas e co obxectivo de salvagardar á cidadanía dun posible contaxio do COVID-19, o Museo do Humor de Fene permanece pechado dende o pasado 13 de marzo. Como tamén permanece pechada ao público a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura onde penduran dende comezos deste mes de marzo os cadros da exposición “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova Shakti. Se ben a ameaza do coronavirus impide, polo de agora, visitar a exposición físicamente, afortunadamente a tecnoloxía nos permite facelo virtualmente. Agardamos que desfrutedes desta visita.
03-03-2020

Os “Mundos etéricos” de Rosa Salanova amósanse en marzo na Casa da Cultura de Fene

Este venres 6 de marzo, ás 20 horas, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura a mostra “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova. No acto, que contará coa presenza da artista e do alcalde de Fene, Juventino Trigo, intervirán tamén as escritoras coruñesas Ana Julia Martínez Fariña e Rosi Sarmiento. Ao remate do mesmo haberá un pase de danza oriental con veos a cargo de Silvia Escudero, da Compañía “Shakti Danza”.
30-12-2019

Ana Basoa Rioboo inaugura en Fene a mostra “Poñendo luz á noite”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor inaugura exposición este venres 3 de xaneiro. A pintora fenesa Ana Basoa Rioboo presentará ao público “Poñendo luz á noite”, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. A pintora estará na sala este mesmo venres de 12 a 14 horas para amosar a exposición a todas as persoas que queiran visitala ese día e, o día 29, regresará ao centro cultural con motivo da clausura, ás 20 horas, para facer balance nun acto que contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.
 
30-12-2019

Av@s e net@s participaron no obradoiro de fotografía co móbil e, moz@s, no de retrato

A fotógrafa Malena Carballo foi a encargada de guiar o pasado xoves o obradoiro de fotografía co móbil organizado polo Concello de Fene no marco da programación cultural de Nadal. Ía dirixido a un público moi especial, xa que @s participantes foron av@s e net@s, que compartiron xuntos tempo de lecer aprendendo uns dos outros. Nel, achegáronse ás normas básicas de composición e coñeceron trucos para facer mellores fotos co móbil.
11-12-2019

Visita guiada este xoves por Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira á exposición “Sinerxia 1+1=3”

A Casa da Cultura de Fene acolle ata o vindeiro 27 de decembro a exposición “Sinerxia 1+1=3”, integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. E, este xoves, os artistas propoñen ao público participar dunha visita guiada a partir das 19 horas. A ela, asistirá un grupo de alumnos/as do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, aínda que poderá participar todo aquel que o desexe.
28-11-2019

Os traveliners con discapacidade participantes na iniciativa TravelIN visitan o Museo do Humor de Fene

O alcalde, Gumersindo Galego, recibiu á comitiva do proxecto TravelIn. Unha viaxe para tod@s, co que ASCM e a Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra buscan explotar o potencial da comarca como destino de turismo accesible

Unha comitiva de persoas con discapacidade, chegada de distintos puntos do país, visitou onte pola mañá o concello de Fene no marco da iniciativa TravelIN. Unha Viaxe para tod@s, para vivir unha experiencia de turismo activo e accesible. Esta iniciativa forma parte do proxecto de ASCM e a Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra. A visita, que arrincou o pasado domingo, finalizaba na tarde de onte cun achegamento ao Ferrol Modernista e ao museo da cidade departamental, Exponav.
26-11-2019

Pepo Suevos pon este venres o broche de ouro ao ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organiza o Concello

Será co seu espectáculo “Sobre rodas”, a partir das 20 h no Museo do Humor fenés, e entrada de balde previa retirada de convite

O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organizou ao longo das últimas semanas a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa co apoio da Deputación a través da Rede Cultural chegará este venres ao seu fin por este ano. O broche de ouro poñerao Pepo Suevos, que traerá ao Museo do Humor de Fene o seu espectáculo “Sobre rodas”. Arrancará ás 20 horas, con entrada de balde, previa retirada de convite.
21-11-2019

Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira asinan a mostra colectiva “Sinerxia 1+1=3” que se inaugura este venres en Fene

Trátase dunha exposición de pintura, fotografía e escultura

A Casa da Cultura de Fene estrea exposición este venres. Leva por título “Sinerxia 1+1=3” e está integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. Aberto á veciñanza, o acto de inauguración terá lugar este venres ás 18,30 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa asistencia dos creadores. A partir de entón, poderá visitarse na sala de exposicións temporais ata o 27 de decembro.