Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
30-06-2026

A entrega de premios do IV concurso Demo Pequeno reuniu onte en Fene ás futuras promesas da banda deseñada

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, o director de Demo Editorial, Manel Cráneo, e os debuxantes e membros do xurado Paula Esteban e Alberto Taracido, foron os encargados de entregar este luns na Casa da Cultura de Fene os diplomas e agasallos aos gañadores do Concurso de Banda Deseñada de Humor Demo Pequeno. O acto desenvolveuse na sala de exposicións temporais onde xa se pode ver a mostra do certame cunha selección das obras presentadas a concurso. Pero, amais da exposición física, desde onte pódese visitar na web do Museo do Humor Xaquín Marín a galería virtual do certame.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, felicitou aos premiados e animounos a continuar debuxando, salientando ademais que Fene é un Concello que aposta pola cultura e pola arte. Pola súa banda, o director de Demo Editorial e presidente do xurado, Manuel Cráneo, salientou que nunha profesión copada maioritariamente por homes, foi unha sorpresa agradable descubrir que a maioría dos premios deste concurso de banda deseñada infantil e xuvenil recaeron este ano en rapazas.
20-02-2026

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXX Concurso de Humor Gráfico e Caricatura “Curuxa do Humor”

A contía dos premios ascende a 5000 euros, a repartir entre as categorías Curuxa, Curuxa Nova e Caricatura

Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 34, do venres 20 de febreiro de 2026, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas en participar poderán enviar ou presentar os seus debuxos no Rexistro Xeral municipal até o vindeiro 31 de maio. Como novidade, o concurso vai dirixido este ano a artistas residentes na Península Ibérica (España e Portugal), ampliando o seu ámbito xeográfico xa que, até o de agora, podían participar no certame unicamente persoas residentes no estado español.
Novamente, nesta edición haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. E mantense a exclusión de obras realizadas total ou parcialmente con intelixencia artificial, estipulándose que calquera obra creada coa axuda da IA “quedará automáticamente excluida do certame. As obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.
11-12-2025

As Historias de Icía e avoa, de Sabela Arias, chegan ao Museo do Humor Xaquín Marín

Apareceron alá polo ano 2003, logo dun período de definición de dous ou tres anos. Naceron co novo século e primeiro foron publicadas en Terras de Santiago; logo no Correo Gallego até 2023; e no Galicia Dixital desde 2006 até hoxe, “así como noutros medios onde elas quixeron”. Pero ademais, as Historias de Icía e avoa, colección de tiras cómicas que saen do maxín da pintora e humorista gráfica Sabela Arias (Lugo, 1969) teñen o seu propio blog e IG, sempre están no Globo de Betanzos, e a partir deste sábado e até o vindeiro 7 de xaneiro, inundarán a sala de exposicións temporais do Museo do Humor Xaquín Marín.
12-06-2026

Inés Bravo Rodríguez e Diego Noguerol Feijóo gañan o IV Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial dan a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do IV Concurso de BD de Humor Demo Pequeno. O xurado desta terceira edición, formado polos autores de banda deseñada Paula Esteban e Alberto Taracido, xunto co tamén debuxante e director de Demo Editorial, Manel Cráneo (presidente) e a responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos (secretaria), reuniuse este xoves 11 de xuño na sede de Demo Editorial e acordou conceder por unanimidade os seguintes premios:
26-11-2025

Isabel Risco pecha este venres o Novembro, mes do humor 2025 co espectáculo Nabiza Girl II, a incrible historia da cultura minguante

“Pensabades que morrera, pero estaba de parranda!” Aturuxando desde o cumio do monte Pindo, volve a máis importante superheroína galega, Nabiza Girl, acompañada nesta aventura polo seu fiel escudeiro, Don Galizo, para loitar contra as inxustizas e os problemas que asolagan a nosa terra. Este venres, 28 de novembro, Nabiza Girl, personaxe interpretado pola actriz e humorista Isabel Risco, visita Fene para pechar o ciclo de monólogos Novembro, mes do humor. A cita será novamente ás 20.00 horas e a entrada de balde, aínda que con invitación que se poderá recoller (máximo dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
25-11-2025

O IV concurso de Banda Deseñada de humor Demo Pequeno convida á mocidade galega a facer unha historia curta sobre o cambio climático

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, foi a encargada de presentar este luns no Museo do Humor Xaquín Marín as bases do IV concurso de Bd de Humor Demo Pequeno, un certame que, segundo explicou, “naceu co obxectivo de fomentar a creatividade, apoiar o talento novo e reivindicar o humor como unha ferramenta indispensable para comprender o mundo e para transformalo”. Neste acto, no que tamén se presentaba a unidade didáctica do Museo “Mal! Pero de humor ben”, a primeira rexedora fenesa estivo acompañado polo debuxante e director de Demo Editorial, Manel Cráneo, coautor do cartel do certame xunto co seu fillo Roque Show.
25-11-2025

O Museo do Humor presenta a súa primeira unidade didáctica na que convirte en personaxe de cómic a Xaquín Marín

Coincidindo coa conmemoración do seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín presentou este luns a unidade didáctica Mal! pero de humor ben, impulsada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Xunta de Galicia, a través do programa de axudas destinadas a centros museísticos da comunidade autónoma 2025. A responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e o debuxante de bd e director de Demo Editorial, Manel Cráneo, foron os encargados de presentar a publicación nun acto no que tamén participaron a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy e o fundador do Museo do Humor, Xaquín Marín (ao que se sorprendeu desvelándoselle no acto que o protagonista da obra era él mesmo, transformado en personaxe de cómic).
23-11-2025

Bases do IV concurso da banda deseñada de humor Demo Pequeno

Coa publicación das bases, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial abren o prazo de presentación de obras para o IV concurso de bd de humor Demo Pequeno. O premio convócase co obxectivo de achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade desde unha perspectiva humorística. Poderán participar no certame mozos e mozas de 8 a 16 anos, residentes en Galicia. Os autores/as participantes presentarán unha única historia curta de banda deseñada (máximo 1 páxina) ou tira cómica, con enfoque humorístico e temática centrada no cambio climático.
19-11-2025

Roi da Costa participa este venres no Novembro, mes do humor cun espectáculo de imitación e improvisación

Nova cita cos monólogos do Novembro, mes do humor. Este venres, ás oito do serán, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene o monologuista Roi da Costa. Presentará A miña vida sendo outro, un espectáculo de imitación, interacción co público e improvisación no que o monologuista revela como é o día a día dun imitador, ofrecendo exemplos prácticos e situacións disparatadas. Coas súas múltiples personalidades, Roi exporá diversas preguntas e anécdotas para debater co publico.
A entrada ao espectáculo será de balde, con invitación que se poderá recoller (máximo dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
12-11-2025

Patty Diphusa no Novembro, mes do humor

A segunda función do ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o seu aniversario trae este venres a Fene á monologuista, malabarista e paiasa Malala Ricoy no seu papel de Patty Diphusa. A cita co espectáculo titulado Sexo seguro. Seguro? Seguro! será o venres 14 de novembro ás 20.00 horas. Entrada de balde con invitación que se poderá recoller (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.