Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
19-07-2023

Restauración do mural pola paz de Xaquín Marín na fachada do Concello

Tralo repintado do mural “Todos metidos nun bote” (Avda. das Pías), que a Concellería de Cultura promoveu hai un ano no marco das actividades ao redor da exposición antolóxica “Volta á orixe”, un grupo de usuarios/as do Centro Ocupacional de Aspaneps de Fene traballa estes días na recuperación doutro mural da Xaquín Marín, o que se amosa na fachada da Casa do Concello. Trátase dunha obra alusiva ao desarme e en favor da paz. O mural foi pintado orixinalmente no ano 1983, coincidindo coa declaración do termo municipal como “zona desnuclearizada”, o que significaba a “prohibición de autorización para instalación de enxeños nucleares, tanto bélicos como xeradores de enerxía, así como impedir o paso de camións con pezas para estas instalacións”. A actuación sobre este mural esta previsto que remate antes de finais de mes. 
06-07-2023

Borja Ramón López Cotelo, Lucía Rodríguez Cid e Iván Mouronte Barreiro son os gañadores do XXVII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mércores, 5 de xullo, no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXVII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”, o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos), a Lucía Rodríguez Cid o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos) e a Iván Mouronte Barreiro o 1º premio na recén estreada categoría Caricatura (para maiores de 16 anos). Ademais, resultaron finalistas do certame Manuel Arriaga de León (Curuxa), Adrián Jamardo Fernández (Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo (Caricatura). E reciben mención especial polos seus traballos os debuxantes Carles Ponsí Dalfó (Curuxa) e Asier Sanz Nieto (Caricatura). O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Santy Gutiérrez, Manuel A. Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022).
04-07-2023

Santy Gutiérrez, Alejandro Vázquez Búa e Pedro Bouza forman parte do xurado dos Premios Curuxa 2023 que se reúne este mércores en Fene

O humorista gráfico Santy Gutierrez, o gañador do 2º premio Curuxa 2022, Manuel Alejandro Vázquez Búa, e o gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022, Pedro Bouza Bernárdez, forman parte do xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Premios Curuxa 2023” que se reunirá este mércores, 5 de xullo, ás 12 horas no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. Tal e como se establece nas bases do certame, completarán o xurado o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
27-06-2023

A IV Mostra do alumnado Laudas Calamity xirará sobre a “Arte e trastornos mentais”

Vinte e tres proxectos expositivos compoñen a mostra do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se inaugura este venres, 30 de xuño, ás 18 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín. A exposición ten como obxectivo “sensibilizar aos novos públicos sobre os trastornos mentais, un tema difícil e doloroso sobre o que aínda existen moitos medos, tabús, estigmas...”. Ao redor da mostra, que poderá visitarse até o vindeiro 16 de agosto, a responsable do Laboratorio, Laura Bouza, anuncia unha charla sobre a “Arte e trastornos mentais” a cargo do profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego. A conferencia será o venres 14 de xullo ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.
08-06-2023

Entrega de premios do I Concurso de BD de Humor Demo Pequeno

Iago González, do CEIP Canosa Rus, foi finalista nesta primeira edición do concurso

Coincidindo coa conmemoración da semana dos museos en internet, tamén chamada Museum Week, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial entregan esta tarde en Fene os premios do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno” que, nesta primeira edición, xirou en torno ao tema: “Galiza e a súa riqueza natural”. As obras presentadas ao certame e as gañadoras xa se poden ver na web museodohumor.fene.gal nunha exposición virtual. E no vindeiro mes de novembro, coincidindo co aniversario do museo, os debuxos gañadores formarán parte da exposición dos Premios Curuxa 2023.
22-05-2023

Últimos días para participar no XXVII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Os orixinais poderán presentarse até o vindeiro 31 de maio

A poucos días de pechar o prazo de presentación de orixinais, a Concellería de Cultura anima aos/ás debuxantes a participar nunha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña) até o vindeiro 31 de maio. Como principal novidade, nesta edición, os Premios Curuxa inclúen una nova categoría, amais da Curuxa, para maiores de 25 anos, e da Curuxa Nova, para persoas de 16 a 25 anos. Trátase da categoría “Caricatura” na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos.
19-05-2023

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”

No marco das actividades organizadas ao redor do Día das Letras Galegas e do Día dos Museos, a Concellería de Cultura de Fene anuncia un taller de creación de libro de artista, inspirado na figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano polo 17 de maio. A actividade, titulada “Un libro… unha viaxe. Creación de libro de artista”, terá lugar o sábado 27 de maio ás 11 horas nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín e vai dirixida a persoas (nenos ou adultos) a partir dos oito anos. A participación no taller é gratuita pero cómpre apuntarse antes do venres 26 de maio ás 14.00 horas enviando un correo a cultura.deportes@fene.gal, indicando o nome completo da persoa e un teléfono de contacto. Prazas limitadas (10).
18-05-2023

Nerea Italia Couce, do CPI San Sadurniño, gaña o I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno”

Coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos, o Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial veñen de dar a coñecer os nomes dos/as gañadores/as do I Concurso de BD de Humor “Demo Pequeno”. O xurado desta primeira edición -formado polos debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón, xunto co autor de bd e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e a coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos- reuniuse o pasado 9 de maio e acordou conceder por maioría os seguintes premios:
10-05-2023

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial darán a coñecer o vindeiro 18 de maio os debuxos gañadores do concurso Demo Pequeno

A responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, o editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e os debuxantes Santy Gutiérrez e Luís Sendón forman o xurado do I Concurso de BD de humor “Demo pequeno” que convocan o Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, e a editorial coruñesa. O xurado reuniuse este martes nas instalacións do Museo do Humor para avaliar os debuxos presentados ao certame que, na súa primeira edición, ascenderon a unha trintena. Tal e como se establece nas bases, o fallo darase a coñecer o vindeiro 18 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día dos Museos, a través da páxina web e redes sociais do Museo do Humor Xaquín Marín, Demo Editorial e medios de comunicación.
03-05-2023

As “Meigas, sabias e mulleres boas” da ceramista Carme Romero amósanse en Fene

Entre os meses de maio e xuño, a Casa da Cultura acollerá a exposición "Meigas, sabias e mulleres boas”, da ceramista fenesa Carme Romero. A mostra recolle unha colección de esculturas cerámicas nas que a figura da muller é o elemento principal “para referir a nosa historia, tradición e cultura”. A exposición inaugúrase este venres, 5 de maio, ás 20.00 horas, e poderá visitarse até o 22 de xuño en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; sábados, de 10.00 a 13.00 horas, e domingos e festivos, pechado. No acto deste venres acompañarán á artista fenesa a escritora Emma Pedreira e o TradiCoro de Airiños de Fene.