10-05-2022
10-05-2022
O estudoso e experto na obra de Xaquín Marín, Félix Caballero Wangüemert, achegarase este xoves a Fene para manter un encontro co humorista gráfico e pintor e conversar con él sobre a súa traxectoria artística. O acto terá lugar no salón de actos do Museo do Humor e comezará ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo. Previamente, o mesmo xoves ás 18.00 horas, está prevista unha visita guiada á exposición “Volta á orixe”, conducida polo comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín. Para asistir, únicamente haberá que presentarse na entrada do museo con quince minutos de antelación ao comezo da visita (ás 17.45 horas). Ámbalas dúas actividades están organizadas pola Concellería de Cultura de Fene, no marco da programación complementaria á exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que se amosa no Museo do Humor até o vindeiro 27 de xuño.
04-05-2022
04-05-2022
O debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín naceu en Ferrol no ano 1943 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, sede do Museo de Humor. E vai ser este, precisamente, o lugar onde se amose a partir deste venres, 6 de maio, unha exposición retrospectiva cunha ampla selección da súa obra, dende as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. A inauguración será o venres ás 20.00 horas no Museo aínda que, previamente, ás 6 do serán, realizarase unha visita co artista á exposición instalada no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino, un dos seus personaxes máis icónicos.
25-04-2022
25-04-2022
O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.
22-04-2022
22-04-2022
A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.
19-04-2022
19-04-2022
A figura de Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene, vai ser neste 2022 un dos eixos vertebradores da programación cultural do Concello de Fene. O vindeiro 6 de maio inaugurarase no Museo do Humor a exposición retrospectiva “Volta á orixe”, un percorrido pola traxectoria artística do pintor, ilustrador e humorista gráfico fenés. Pero ademais, ao redor da mostra haberá distintas actividades coas que se pretende, en palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, “amosarlle a Xaquín o noso agradecemento e situar novamente a súa figura no lugar que lle corresponde, entre os mellores creadores do noso país”. O primeiro rexedor fenés, o comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín, o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e a responsable do Museo, Almudena Marcos, foron os encargados de presentar este mediodía en rolda de prensa a exposición e a programación cultural paralela que se desenvolverá entre os meses de maio e xuño.
30-03-2022
30-03-2022
A Casa da Cultura de Fene acolle este sábado, 2 de abril, a inauguración da exposición Universo Feminino, da pintora luguesa Carmen Prado. O acto, previsto para as doce do mediodía, contará coa presenza da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Carmen Prado poderá visitarse en Fene dende este sábado até o vindeiro 29 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante a Semana Santa o horario será: o luns 11, o martes 12, o mércores 13 e o luns 18 de abril, de 10.00 a 14.15 horas. De Xoves Santo a Domingo de Pascua, a instalación permanecerá pechada.
02-03-2022
02-03-2022
Este venres, 4 de marzo, inaugúrase na Casa da Cultura a nova exposición de pintura da ferrolá Sofía Piñeiro. A mostra, titulada “Un cordero bala entre dos montañas”, recolle unha serie de traballos realizados durante o confinamento no 2020. Trátase dunha “colección de pinturas onde represento ovellas sobre fondos abstractos que funcionan como paisaxes”. O acto, comezará este venres ás 19.30 horas e contará coa presenza, amais da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Sofía Piñeiro poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de marzo, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.
23-02-2022
23-02-2022
A concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor e sala de exposicións temporais) durante o Entroido. Coincidindo coas vacacións escolares, o vindeiro luns 28 de febreiro e o martes 1 de marzo a Casa da Cultura abrirá unicamente en horario de mañá, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo -mercores de cinza e festivo local en Fene- as instalacións da Avda. de Conces, 20-22, permanecerán pechadas ao público.
15-02-2022
15-02-2022
O salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle este xoves, 17 de febreiro, a presentación de Que tempos!, obra editada por Embora que recolle unha compilación das achegas do artista á revista Tempos Novos. Trátase, en realidade, dunha escolma “de toda a traxectoria de Xaquín Marín como cronista gráfico dos galegos e das galegas”. O acto comezará ás 20.00 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Asistirán, amais do artista, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o director da editorial Embora, Miguel Tobal, e o xornalista e escritor Pablo Bouza que se encargará da presentación do acto.
07-02-2022
07-02-2022
Coa publicación das bases no BOP núm. 25, do luns 7 de febreiro de 2022, abre o prazo de presentación de debuxos para o XXVI concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” que organizan a Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene. Os premios Curuxa teñen como obxectivo recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do estado español), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo.