Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
18-05-2022

O Museo do Humor estrea visita virtual no Día dos Museos

No marco da conmemoración do Dia dos Museos, o Museo do Humor vén de habilitar un novo espazo web dende o que se pode realizar un percorrido virtual polas súas instalacións. Con este novo servizo, dispoñible a través do seguinte enlace, os/as visitantes poden achegarse ao museo calquera día da semana a calquera hora; e realizar unha visita virtual polas distintas salas, coa posibilidade de acceder a información complementaria sobre a súa historia e fondos (a través de todo tipo de elementos multimedia, imaxes, vídeos, documentos en pdf ou enlaces a URLs).
14-05-2022

Visita virtual e obradoiros para festexar o Día dos Museos no Museo do Humor de Fene

Baixo o lema “O poder dos Museos” o vindeiro 18 de maio conmemorarase en todo o mundo o Día dos Museos, co obxectivo de “amosar o poder que estes centros teñen de transformar o mundo que nos rodea”, presentándose como “lugares incomparables para o descubrimento, lugares que amosan o noso pasado e abren as mentes a novas ideas para un futuro mellor”. No Museo do Humor, o Dia dos Museos festexarase este ano con distintas actividades que se encadran, á súa vez, no ciclo ao redor da exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín.
13-05-2022

Xaquín Marín, Alexandre Marín e Alexandre Sequeiros Camiña formarán parte do xurado dos Premios Curuxa 2022

O humorista gráfico e fundador do Museo do Humor, Xaquín Marín, o comisario da exposición “Volta á orixe”, Alexandre Marín, e o gañador do primeiro premio Curuxa 2021, Alexandre Sequeiros Camiña, formarán parte do xurado dos Premios Curuxa 2022 que se reunirá a finais do mes de xuño (nunha data da que se informará próximamente). Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres debuxantes convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria).
10-05-2022

Comezan as actividades ao redor da exposición "Volta á orixe" cunha visita guiada e coas "Conversas con… Xaquín Marín"

O estudoso e experto na obra de Xaquín Marín, Félix Caballero Wangüemert, achegarase este xoves a Fene para manter un encontro co humorista gráfico e pintor e conversar con él sobre a súa traxectoria artística. O acto terá lugar no salón de actos do Museo do Humor e comezará ás 19.30 horas, con entrada libre até completar o aforo. Previamente, o mesmo xoves ás 18.00 horas, está prevista unha visita guiada á exposición “Volta á orixe”, conducida polo comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín. Para asistir, únicamente haberá que presentarse na entrada do museo con quince minutos de antelación ao comezo da visita (ás 17.45 horas). Ámbalas dúas actividades están organizadas pola Concellería de Cultura de Fene, no marco da programación complementaria á exposición “Volta á orixe”, de Xaquín Marín, que se amosa no Museo do Humor até o vindeiro 27 de xuño.
04-05-2022

A exposición antolóxica de Xaquín Marín inaugúrase este venres no Museo do Humor

O debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín naceu en Ferrol no ano 1943 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, sede do Museo de Humor. E vai ser este, precisamente, o lugar onde se amose a partir deste venres, 6 de maio, unha exposición retrospectiva cunha ampla selección da súa obra, dende as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. A inauguración será o venres ás 20.00 horas no Museo aínda que, previamente, ás 6 do serán, realizarase unha visita co artista á exposición instalada no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino, un dos seus personaxes máis icónicos.
25-04-2022

Presentación de “Estampas do mundo elegante”, edición tributo do libro de Chichi Campos, no Museo do Humor

O pasado 26 de febreiro cumpríronse 30+1 anos da morte de Chichi Campos, “pioneiro da banda deseñada, axitador cultural e cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia”. En homenaxe ao autor, o seu fillo Nico Campos coordinou unha nova edición de “Estampas do mundo elegante” (compilación de artigos e viñetas publicadas en A Nosa Terra entre decembro de 1983 e marzo de 1991) aos que se engadiron máis de trinta colaboracións. O volume, titulado “Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)” preséntase este xoves ás 19.30 horas no Museo do Humor de Fene nun acto no que estará presente, canda o fillo de Xesús Campos, o director de cine, productor, guionista e colaborador no libro Marcos Nine.
22-04-2022

Últimos días para visitar a exposición de Viñetas do Camiño a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío

A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que logo se expuxeron en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza puidera gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición mantívose nesta derradeira localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, dende principios de ano e retirarase o vindeiro luns, 25 de abril.
19-04-2022

O debuxante Xaquín Marín "Volta á Orixe" cunha exposición antolóxica no Museo do Humor

A figura de Xaquín Marín, fundador do Museo do Humor de Fene, vai ser neste 2022 un dos eixos vertebradores da programación cultural do Concello de Fene. O vindeiro 6 de maio inaugurarase no Museo do Humor a exposición retrospectiva “Volta á orixe”, un percorrido pola traxectoria artística do pintor, ilustrador e humorista gráfico fenés. Pero ademais, ao redor da mostra haberá distintas actividades coas que se pretende, en palabras do alcalde de Fene, Juventino Trigo, “amosarlle a Xaquín o noso agradecemento e situar novamente a súa figura no lugar que lle corresponde, entre os mellores creadores do noso país”. O primeiro rexedor fenés, o comisario da mostra e fillo do artista, Alexandre Marín, o concelleiro de Cultura de Fene, Justo Ardá, e a responsable do Museo, Almudena Marcos, foron os encargados de presentar este mediodía en rolda de prensa a exposición e a programación cultural paralela que se desenvolverá entre os meses de maio e xuño.
30-03-2022

O Universo Feminino de Carmen Prado recala en Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle este sábado, 2 de abril, a inauguración da exposición Universo Feminino, da pintora luguesa Carmen Prado. O acto, previsto para as doce do mediodía, contará coa presenza da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Carmen Prado poderá visitarse en Fene dende este sábado até o vindeiro 29 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante a Semana Santa o horario será: o luns 11, o martes 12, o mércores 13 e o luns 18 de abril, de 10.00 a 14.15 horas. De Xoves Santo a Domingo de Pascua, a instalación permanecerá pechada.
02-03-2022

Un cordero bala entre dos montañas, de Sofía Piñeiro, en Fene

Este venres, 4 de marzo, inaugúrase na Casa da Cultura a nova exposición de pintura da ferrolá Sofía Piñeiro. A mostra, titulada “Un cordero bala entre dos montañas”, recolle unha serie de traballos realizados durante o confinamento no 2020. Trátase dunha “colección de pinturas onde represento ovellas sobre fondos abstractos que funcionan como paisaxes”. O acto, comezará este venres ás 19.30 horas e contará coa presenza, amais da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Sofía Piñeiro poderá visitarse en Fene até o vindeiro 28 de marzo, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Os domingos e festivos a sala de exposicións permanecerá pechada.