23-04-2023
23-04-2023
A Casa da Cultura de Fene acolle até o vindeiro martes 2 de maio a exposición fotográfica do XVI Premio Luís Ksado que promove a Deputación da Coruña. A mostra recolle os traballos premiados e os finalistas deste certame que no ano 2022 gañou o fotoxornalista Brais Lorenzo cunha serie titulada Lume. Nela cóntase o drama dos incendios forestais, facendo fincapé na traxedia humana que supoñen. Tamén se amosan as obras dos finalistas: Escoria Rebelde, de Fuco Reyes, Europa not welcome, de Sergi Cámara, Máscaras del carnaval gallego. Festival Vibo 2022, de Carlos Ximénez, Paisaje de Inexistencia, de Belén Lozano e Vulcanonautas, de Arturo Rodríguez. A exposición do XVI Premio Luis Kasado poderá visitarse en Fene ate o día 2 de maio no seguinte horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; sábados, de 10.00 a 13.00 horas, e domingos e festivos, pechado.
18-04-2023
18-04-2023
O Museo do Humor Xaquín Marín acolle este venres a presentación dun monográfico adicado ao debuxante fenés
As persoas que asistan ao acto recibirán un exemplar do libro, até fin de existencias
A piques de facer 80 anos, Xaquín Marín é, sen dúbida, o humorista gráfico galego en activo de maior constancia das últimas décadas. “Cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos 50 anos”, o artista salienta pola súa “obra, con base no compromiso social e nos valores humanistas, que pode lerse como manual da nosa Historia máis recente, como unha viaxe retrospectiva pola nosa propia memoria colectiva como (im)país”. Así o define o seu fillo, Alexandre Marín -que en 2022 comisariou a exposición retrospectiva Volta á orixe- no monográfico X.Marín. O libro, que se presenta este venres en Fene, foi editado polo Museo do Humor coa colaboración da Consellería de Cultura, a través do programa de axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autonóma de Galicia 2023. A presentación de X.Marín terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín (Avda. de Conces, 20-22, Fene) este venres, 21 de abril, ás 20 horas, con entrada libre.
07-03-2023
07-03-2023
Nova exposición na Casa da Cultura de Fene. Do mércores 8 de marzo ao xoves 20 de abril amosarase neste espazo a exposición colectiva “Xeitos”, formada por 34 fotografías de 17 autores vencellados á sección de fotografía do Grupo Bazán. Trátase de: Alejandro Martínez, Antonio Carrete, Bea Rodríguez, Carlos Cruz, Chus Villamar, David Souto, Fer Cendán, Fran Suárez, Gelis López, José Amigo, Luis Losada, Luz González, Marcos García, Miguel Llano, Mónica Lorenzo, Pablo Mauriz e Pepe Botella. A mostra recolle os seus diferentes estilos e miradas, amosando a pluraridade do grupo e reflectindo distintos “xeitos de ollar, sentir, imaxinar, soñar…”
27-02-2023
27-02-2023
“Achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística” é o principal obxectivo do concurso de banda deseñada e humor “Demo pequeno” que promoven o Museo do humor Xaquín Marín e Demo Editorial. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante). Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do venres 30 de abril de 2023.
24-02-2023
24-02-2023
O vindeiro luns, 27 de febreiro, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición sobre o circo que o alumnado e profesorado do CPR Jorge Juan Perlío elaborou neste curso, no marco do seu proxecto escolar anual. O acto será ás 16 horas e contará coa presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do Concelleiro de Cultura, Justo Ardá, do director do colexio, Ángel del Río Correa, e da representante da Anpa Sonia Fernández Veiga. A exposición permanecerá aberta ao público do luns 27 ao sábado 4 de marzo, en horario, de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 20 horas, e o sábado, de 10 a 13 horas. Ademais, ao longo da semana, proxectarase na Casa da Cultura algunha producción cinematográfica con temática circense para animar á comunidade escolar do centro e á veciñanza en xeral a visitar a exposición.
05-12-2022
05-12-2022
Ás oito do serán inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a exposición “Heteroxénea”, do zamorano Francisco Pérez Alonso. Trátase dunha mostra de pintura, escultura e reproducións de instrumentos musicais realizados, a maioría, en madeira. Na pintura, salientan as obras cinéticotemáticas pertencentes ás series “Ferrol cineticotemático”, “Ferrol-Ucha” e “Madrid cineticotemático”. Tamén se inclúen cadros dunha serie libre e esculturas realizadas en pizarra, madeira, aceiro inox ou pedra. A mostra poderá visitarse até o vindeiro 30 de decembro en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas; os sábados, de 10.00 a 13.00 horas; e domingos e festivos, pechado. A partir do 23 de decembro (inclusive), o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas; e os sábados, domingos e festivos, pechado.
23-11-2022
23-11-2022
Memorias dunha rapasa da costa. É o título do espectáculo que presenta este venres no Museo do Humor Xaquín Marín a cómica, actriz e presentadora de espazos de entretemento (Malo será, De quen vés sendo?…) Marta Doviro. Trátase do primeiro monólogo da artista, un “exercizo cómico sobre a nosa forma de ser e de facer, en contraposición ao que os medios e o cine nos poñen como modelo”. A función comezará o venres, 25 de novembro, ás 20 horas, con entrada libre e de balde. Espectáculo para público adulto.
16-11-2022
16-11-2022
A Casa da Cultura de Fene acolle este venres, 18 de novembro, unha nova sesión do ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o seu aniversario. O protagonista desta terceira sesión, que comezará ás 20 horas, será o actor e monologuista Oswaldo Digón cun espectáculo titulado “Outra movida”, dirixido a público adulto. Entrada de balde até completar o aforo (100 localidades).
09-11-2022
09-11-2022
No mes do seu aniversario, o Museo do Humor Xaquín Marín continúa a propoñer tardes de contos e humor como a que organiza para este venres, 11 de novembro, no marco do ciclo “Novembro, mes do Humor”. A protagonista desta segunda sesión, prevista para as 20 horas, será a contacontos María da Pontragha cun espectáculo de narración oral titulado “Coa palabra na boca”, dirixido a público adulto. Entrada de balde até completar o aforo (100 localidades).
03-11-2022
03-11-2022
Coincidindo coa inauguración da exposición e a entrega dos Premios Curuxa 2022, comeza este venres no Museo do Humor Xaquín Marín o ciclo de monólogos “Novembro, mes do Humor”. Nesta primeira función, prevista para as 20.00 horas, subirán ao escenario Marita Martínez e Lucía Veiga, as Izquierdo Sisters, cunha proposta escénica hilarante pero terrorífica á vez, “Galician horror story”. A entrada ao espectáculo, dirixido a público adulto, será de balde até completar o aforo (100 localidades).