Casa da Cultura

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Cultura
Fene

Alberga esta construción a Casa da Cultura e Museo do Humor de Fene, e esta situada na Avenida Conces. De planta rectangular este edificio conta con semisoto, catro alturas e faiado. A cuberta é a dúas augas coa cumieira paralela á fachada principal, aínda que o acceso realízase pola fachada lateral dereita por medio dunha gran escaleira que, salvando o desnivel da parcela, remata nun soportal á altura da planta baixa. Xa no interior, esta escaleira externa ten continuación noutra escaleira interior que comunica o baixo cos pisos superiores, comunicación que tamén se realiza por ascensores; pero dende esa escaleira interior hai unha perspectiva privilexiada ao exterior a través do edificio grazas á profusión de vans así como á peculiar reinterpretación que se fai na fachada principal da tradicional galería.
É importante destacar o tratamento compositivo que na fachada principal se fai dos vans distribuídos dun xeito especular invertido a partir dun eixo central. Configúrase así unha característica do edificio que é a abundante iluminación natural, claridade por tanto e pureza, tamén simbolizada na cor branca resprandecente das fachadas do edificio nunha reminiscencia de obras de autores como Charles Gwathmey ou Richard Meier.