Lugares de lecer e de cultura

Inicio   Que ver   Lugares de lecer e de cultura

Arquitectura relixiosa e civil

Pódese facer unha ruta polo concello coñecendo o barroco nas súas igrexas parroquiais como as de San Salvador de Maniños (do século XVII), Santiago de Barallobre (século XVII) e Santa María de Sillobre (século XVII), que despois de sufrir varias remodelacións, seguen conservando sobre todo na súa fachada principal algunhas das características desa arte.

Entre a arquitectura civil salientan, ademais da ponte das Ribeiras, os pazos de Barallobre, a casa da Ribeira en Sillobre e o pazo de Maniños e, xa do primeiro terzo do século XX, son de salientar as escolas construídas polas sociedades de emigrantes de Fene en América.

A finais da primeira metade do século XX, constrúese en Limodre a igrexa de San Xosé que, sendo de estilo neogótico, conserva algúns detalles cun fondo carácter que fan do edificio a mostra máis clara deste estilo no concello.

Nos adros destas igrexas, en ermidas, cemiterios e algunhas encrucilladas consérvanse moitos dos cruceiros existentes no concello e que son mostra da iconografía relixiosa tradicional e máis popular de Galicia.

Monumento ao Camiñante Descoñecido

Pasando pola Estrada da Palma, na parroquia de Barallobre, atópase o Monumento ao Camiñante Descoñecido, un dos máis importantes elementos simbólicos do concello.

O monumento está composto por un pequeno templo rodeado por unha serie de bancos que levan escritos nos seus apoios os nomes de persoeiros destacados da cultura galega, ademais de contar cunha biblioteca ao aire libre. Foi inaugurado en 1934 xunto ao apeadoiro de ferrocarril de Barallobre e instalado na súa actual localización en 1984.

En Barallobre pódese gozar tamén do Parque de Educación Viaria.

Monumento ao Paiaso

Outro elemento simbólico de recente creación é o Monumento ao Paiaso, obra de Francisco Xosé Pérez Porto, que foi construído con achegas cidadáns e co que se pretende valorizar a imaxe deste oficio deixando un lugar á tenrura e ao sorriso no concello.

As esculturas Ano da Memoria, Espectador e outras mostras de patrimonio artístico

O Departamento de Cultura e Deportes comezou no 2006 cunha política de compra de obras de artistas de Fene e da bisbarra, vinculando estas adquisicións a programacións culturais de relevo e á inauguración de novos espazos públicos.

Así, no marco do ciclo Non des ao esquecemento, o 20 de abril de 2006 tiña lugar a inauguración no Paseo Marítimo de San Valentín da escultura Ano da Memoria da autoría de Loureiro. Despois, con motivo da homenaxe ás corporacións municipais da II República o 23 de decembro de 2006 no salón de sesións da Casa do Concello, procedeuse á instalación de Movemento de Patricia Dopico. O 4 de febreiro de 2007, na Praza do Perla, era inaugurada a escultura Espectador de Suso Basterrechea e o 25 de marzo dese mesmo ano, con motivo da apertura do Parque de Educación Viaria de Barallobre, instalouse a obra Motorista de Eduardo Hermida.

Parques e zonas verdes

O Monumento ao Pallaso atópase no Parque Castelao en Fene, unha grande área de esparexemento para nenos, veciños e visitantes, onde tamén atopamos a “Galaxia Imaxinaria”, un espazo para o xogo e a actividade lúdica relacionado coa cultura científica, o humor, o coñecemento do medio, as lendas e o imaxinario.

O Parque Lineal do Río Cádavo, o paseo marítimo de San Valentín, o paseo marítimo Bieito Cupeiro e outros pequenos parques e prazas espallados por Fene achegan recantos para o encontro e o lecer relaxante.

As Casas do Concello de Fene

En Fene pódense admirar ademais dous edificios moi singulares. O primeiro é a Antiga Casa do Concello, un edificio de estilo rexionalista que se levantou a comezos do século XX e que na actualidade sirve de sede para o Xulgado.

O segundo é a actual Casa do Concello, un edificio moderno construído en 1980 polo arquitecto Alberto Campo Baeza baixo os parámetros dunha arquitectura racionalista de formas xeométricas simples. O edificio ten unha planta basicamente rectangular e estrutúrase en soto, baixo e tres andares, contando ademais cun corpo en forma de torre a imitación das torres con reloxo das antigas casas consistoriais.