Patrimonio arqueolóxico

Inicio   Que ver   Patrimonio arqueolóxico

Fene é un concello no que son abondosos os restos arqueolóxicos. Malia que algúns deles foron destruídos ou afectados por construcións, obras públicas e outros labores agrogandeiros, aínda é posible visitar as mámoas megalíticas no Campo da Arca (Barallobre) e no Monte Marraxón (Sillobre), que é ademais un magnífico miradoiro sobre as terras baixas do concello, a ría de Ferrol e o resto da comarca de Ferrolterra. Preto das mámoas de Marraxón, e coincidindo co punto máis alto do concello, o Couto do Rei (356 metros), atópase o petróglifo de Marraxón e non moi afastado na Pena do Picoto atópase un conxunto de pedras graníticas con gravados. Ademais, no límite dos concellos de Fene e Cabanas, está o Marco de San Lourenzo, unha pedra fincada ou menhir de 50 cm de altura, situado na antiga Ermida do Santo, ao que tradicionalmente se lle atribúen poderes curativos.

A intensa ocupación humana do concello en tempos protohistóricos documéntase en numerosos asentamentos castrexos como o Castro de Orra (Sillobre), As Pías (Fene), Cardoeiro (Perlío), Pena do Castro (Barallobre), Prismos (Limodre), As Escadas (Maniños) e As Modias (Magalofes).

Mámoa do Coto do Rei no monte Marraxón (Sillobre - Fene)

Mámoas agrupadas en dous conxuntos no monte Marraxón. En total suman uns 19 túmulos. As súas medidas oscilan entre os 3 e 5 metros de diámetro, a maior situada no lugar de "O Couto do Rei".

Estas mámoas erguéronse hai uns 5.500 anos. Trátase de construcións líticas que naceron cun fin estritamente funerario; hoxe serven como elemento de sinalización topográfica.

O máis característico é que esta mámoa en Sillobre pódese ver dun xeito doado e atópase nun lugar privilexiado. O lugar é un miradoiro, dende onde se poden observar as rías da Coruña, Betanzos, Pontedeume, e por suposto a Ría de Ferrol, ademais dos montes de Narón e Valdoviño.

E ademais o podes facer dende os denominados "os asentos máis duros do mundo": catro asentos de pedra colocados estratexicamente no Coto do Rei, no monte Marraxón - na parroquía de Sillobre -, no punto máis alto do Concello de Fene, 354 m.

Ligazóns