Casa Orillamar da Ribeira

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa Orillamar da Ribeira
Maniños

Edificada na primeira metade do século XX atópase situada na Ribeira nun privilexiado lugar practicamente á carón do mar.
Trátase dunha sinxela construción que, a partir dunha planta rectangular, desenvólvese en baixo, primeiro andar e faiado. Os dous primeiros dedicábanse a vivenda e o terceiro a rocho. A cuberta é a dúas augas e ten a cumieira perpendicular á fachada frontal.
No aspecto compositivo segue o canon de tres ocos por planta e un na altura do baixocuberta na fachada principal. Tanto no baixo como no primeiro andar hai unha porta central que no segundo caso dá acceso a un balcón. Nas fachadas laterais tamén se segue ese patrón de tres ocos por planta, pero na fachada dereita teñen a peculiaridade de que os ocos dos dous extremos son pareados. Xa na fachada posterior o número de ocos por planta pasa a ser de cinco no baixo e primeiro andar e dun no nivel do baixocuberta. Conta ademais cunha ampla galería sustentada en catro columnas que sosteñen tamén unha balaustrada de formigón que conforma unha terraza-portal baixo a galería.