Casa de Carmen Prego

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa de Carmen Prego
Barallobre

Casa indiana construída no segundo terzo do século XX por José García que foi emigrante en Cuba. A planta é rectangular duns 6 por 10 metros, e consta de soto e dúas alturas: baixo e o baixocuberta, ambas as dúas dedicadas a vivenda. A cuberta é a dúas augas con tella plana.

Na fachada lateral dereita ten apegada unha ampla galería de formigón como material estrutural. Unha característica desta edificación é que conta con portas de acceso en dúas das súas fachadas o que responde ao feito de que durante anos nesta vivenda funcionaba unha tenda de ultramarinos e bar.

Así, na fachada lateral esquerda conta con tres ocos, dúas ventás e unha porta no centro. Na fachada principal repite esta distribución de ocos de dúas ventás, unha a cada lado da porta, aínda que nesta engádese a existencia dun balcón no baixocuberta. A cuarta das fachadas conta tamén con balcón no baixocuberta e dúas ventás na planta baixa. Neste caso a porta desprázase debido á pendente do terreo até o soto.

Todo o conxunto amosa unha intención de sinxeleza e simetría, remarcada esta pola repetición da ornamentación empregada nos linteis das ventás e nos forxados dos antepeitos de estilo modernista e trazado xeométrico por un lado e nos linteis do balcón e das portas, así como nos esquinais da edificación de formas máis xeométricas.