Casa indiana da rúa Pablo Ares Feal

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa indiana da rúa Pablo Ares Feal
Barallobre

Edificación promovida por D. Manuel Bouza e construída no ano 1931 situada na actual Rúa Pablo Ares Feal. Segue as pautas morfolóxicas de moitas das vivendas de tipo indiano existentes no concello.

Consta de semisoto dedicado a almacén e planta baixa e baixocuberta usados como vivenda. A cuberta é a dúas augas coa cumieira paralela á fachada principal, pero presenta a peculiaridade de contar coa elevación dun corpo central na vertente da fachada principal configurando unha bufarda, con cuberta tamén a dúas augas, que se prolonga nun amplo balcón. Pola súa vez, este balcón, sostido por dúas columnas, fai de soportal da porta da entrada á vivenda, sendo este un dos trazos máis sobranceiros da edificación, así como o lugar onde se concentran os motivos decorativos.

Outro trazo no que segue o modelo de construción indiano é na profusión decorativa nos vans da fachada principal e nos linteis de portas e ventás con motivos xeométricos. O molde das columnas da varanda do balcón é o mesmo utilizado para as columnas do muro do terreo.