Barallobre
Construída a finais da primeira metade do século XX segue o modelo das construcións indianas de planta case cadrada de dúas alturas, baixo e baixocuberta con cuberta a dúas augas e a cumieira perpendicular á fachada principal. Nas fachadas séguese un sistema simétrico co que se distribúen vans similares en cada unha delas.
Na fachada principal son tres vans no baixo, correspondendo o central á porta da vivenda, e un só van no baixocuberta que dá acceso a un balcón rectangular protexido cunha balaustrada de formigón que repite o deseño da balaustrada do muro perimetral de cercamento da parcela. Este pequeno balcón está apoiado en catro piares, dous deles apegados á fachada que están unidos entre si a través de arcos de medio punto, dando lugar a un pequeno soportal. Nas fachadas laterais hai dúas ventás no nivel do baixo e unha pequeniña ventá romboidal á altura do baixocuberta.
A edificación destaca pola súa sinxeleza e simetría, reforzados estes dous aspectos por unha decoración na que se repite o motivo xeométrico das molduras no recerco dos vans e nos arcos do soportal. Destacan asemade os pequenos pináculos cos que se remarcan os extremos dos beirís na fachada dianteira.
A edificación ten a peculiaridade de que existe outra similar na parroquia de Perlío.