Barallobre
O Cine Adriano foi inaugurado no Nadal de 1947 sendo construído por iniciativa de José Fernández Fernández, irmán do indiano Antonio Fernández, promotor da Casa da Maleta.
O proxecto desta edificación realizouno o arquitecto Vicente García Lastra quen o concibiu cunha planta rectangular, de 25 por 18 metros, á que se lle engade no terzo central da fachada traseira un contundente volume.
Ao ser a parcela da edificación en pendente, na fachada principal conta con dúas plantas e na posterior con catro. Nas dúas plantas máis altas era onde se situaba a sala de cine e nas dúas mais baixas instalouse a sala de baile. A estrutura, tanto vertical como horizontal, do edificio está feita a base de formigón e na cuberta combínanse unha parte plana e outra a catro augas con tella.
O estilo en que se enmarca todo o conxunto é ecléctico, cunha decoración que busca a monumentalidade. Na fachada principal a composición articúlase cun esquema de distribución simétrica dos ocos a partir dun eixo central vertical no que se sitúa a porta principal, remarcada baixo un arco rebaixado, e un balcón á altura da segunda planta. A cada lado deste eixo central hai catro vans por planta alternándose ocos rectangulares con outros coroados por un arco de medio punto. Remata o edificio un peto no que se insire unha peita co nome do cine e a data de construción.