Salón de baile Maceiras

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Salón de baile Maceiras
Barallobre

O salón de baile Maceiras, tamén coñecido como Cinema Liceo Barallobre, atópase no lugar de Riveiroa e foi construído moi probablemente no ano 1934 a iniciativa de Antonio Luis Maceiras Abelleira que estivera emigrado na Arxentina e no Uruguai. Neste edificio realizáronse durante moitos anos tanto sesións de baile como proxeccións de películas cinematográficas.

Ten dúas plantas e cuberta a dúas augas coa cumieira paralela á fachada principal que da á estrada da Palma. O paramento dereito é medianeiro con outra edificación, e destaca o feito de que o esquinal entre a fachada lateral esquerda e a principal resólvese nuha estrutura achafranada que na planta baixa conta cunha ampla ventá rematada nun arco rebaixado.

A distribución de ocos nas fachadas frontal e esquerda segue unha pauta simétrica, sendo os da planta superior rectangulares de menor tamaño e os da planta baixa máis amplos e rematados na cabeceira nun arco rebaixado. En cada unha destas dúas fachadas existe unha porta de acceso ao local, aínda que no caso da fachada principal, ao ser catro o número de ocos, a porta necesariamente rompe coa simetría da composición xeral.

Ao edifico principal engádeselle no paramento esquerdo un pequeno volume dunha soa planta que ten cuberta plana e no que se atopa unha terraza protexida frontalmente
por unha balaustrada.

A decoración é sinxela limitándose ao perímetro dos vans e os modillóns que sustentan a balaustrada da terraza.