Fene
Este Edificio de Servizos Múltiples, onde hoxe en día se atopa a sede do xulgado, está localizado na Avenida Naturais de Fene e foi construído a principios do século XX coa finalidade de servir como sede do consistorio, función esta que desenvolveu ata os anos oitenta dese mesmo século en que se levantou un novo edificio para o concello. Construído nunha parcela que fai esquina a carón dun cruce de camiños, este condicionante fixo que tivese concentrada nas fachadas que dan aos viais a ornamentación e os elementos máis singulares do edificio.
Cunha planta rectangular, consta de soto, baixo e primeiro andar. Ten cuberta a cinco augas debido a que ten unha esquina achafranada, e presenta uns beirís moi sobresaíntes apoiados en ménsulas de madeira ao máis puro estilo rexionalista. Na fachada achafranada á altura do primeiro andar situouse un contundente balcón con balaustrada de formigón e apoiado en dúas ménsulas do mesmo material. O acceso a este balcón realízase a través dun van tripartito segmentado por medio de columnas; ese mesmo recurso da división dos vans con columnas é o empregado noutras dúas ocasións no primeiro andar. No baixo está situada a porta de acceso baixo un gran arco de medio punto e varias ventás en que, pola contra, en lugar de remates con arcos de medio punto optouse pola solución que atopamos nas ventás do balcón de dotalas dun lintel recto.