Casa de Francisco Blanco

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa de Francisco Blanco
Fene

Vivenda indiana situada a carón da Avenida Naturais de Fene. Foi construída probablemente no primeiro terzo do século XX. Hoxe en día queda nunha cota significativamente baixa respecto da que ten a rúa e ademais apenas hai espazo entre esta e a fachada principal. Ten planta rectangular disposta en sentido paralelo á fachada de acceso e conta con dúas alturas e baixocuberta. O tellado é a dúas augas e a cubrición está realizada con tella curva.

Segue o canon típico de tres vans por altura na parte frontal e tan só un por altura nas laterais, aínda que no caso da fachada esquerda ten acaroado un volume dunha soa planta que ten tamén unha cuberta a dúas augas. A composición da fachada principal presenta dúas fiestras e unha porta central no baixo, e tres balcóns na planta alta. A decoración limítase ao resalte dos recercos dos vans así como da imposta e dos esquinais, sendo o trazo máis destacado os antepeitos de fundición nos balcóns que debuxan motivos xeométricos e contan con presenza nalgunhas outras vivendas do concello.