Casa de José Dobarro García na Porta do Sol
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Casa de José Dobarro García na Porta do Sol
Fene
Esta vivenda situada na Avenida Porta do Sol, foi construída por José Dobarro García, que estivo emigrado en Cuba, a partir doutras vivendas anteriores existentes nese lugar. Conta con dúas plantas e baixocuberta, e cun tellado a dúas augas.
Ten anexionados nas fachadas laterais dous volumes dunha planta, o da esquerda prolongación da vivenda, e dedicado a garaxe o outro. Tamén na fachada esquerda, e sobre ese volume anexo, elévase unha ampla galería na planta alta, de factura tradicional que está cuberta por un pequeno tellado.
A fachada principal presenta unha disposición peculiar ao contar con catro ocos tanto na planta baixa como na alta, e ten no primeiro caso dúas ventás e dúas portas que se alternan, rompendo deste xeito a simetría do conxunto; no segundo trátase de catro balcóns con varandas a base de reixas de ferro forxado. Todos os ocos están coroados con arcos rebaixados, e os recercos presentan unha decoración moi sinxela a base de pequenas estrías. No baixocuberta existe un só oco polo que se accede a unha pequena galería. A decoración da fachada complétase co resalte do zócalo, as impostas, e fundamentalmente cas falsa cantería nos esquinais e coa moldura que decora os baixos do beiril da cuberta.