Vivenda colonial da avenida de Naturais de Fene
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Vivenda colonial da avenida de Naturais de Fene
Fene
É unha construción levantada a principios do século XX e reformada en 1938, momento en que se dota do actual aspecto, e que sen entrar na categoría de arquitectura residencial indiana amosa claramente o interese por remarcar a relevancia socioeconómica do seu promotor.
A vivenda ocupa a posición central dunha parcela que ten unha extensión que supera amplamente os 2.000 metros cadrados e na que atopamos un xardín previo á fachada principal no que non faltan as palmeiras. A entrada dende a Avenida Naturais de Fene realízase por medio dunha superficie pavimentada que remata nunha escalinata de
acceso.
Sobre unha base rectangular configúrase en dúas plantas e baixocuberta, con tellado a dúas augas. Un dos trazos máis representativos desta casa é a galería acaroada na fachada lateral dereita á altura da planta alta, de estilo tradicional, de madeira e cun pequeno tellado como cubrición; esta galería está apoiada nun volume de similar tamaño acaroado á planta baixa e no que existe unha porta e dúas ventás. Pero o que máis destaca a primeira vista é a fachada principal, onde se concentra fundamentalmente a decoración do edificio. É peculiar a existencia de catro vans por planta que, no caso da baixa, resultan ser todos portas, e na alta os catro son balcóns con antepeitos de ferro forxado.
Os recercados de todos os vans, as impostas e os esquinais resáltanse cunha sinxela diferenciación de cor. Pero se algo destaca na fachada é a galería miradoiro que hai no baixocuberta e sobre todo o frontón co que está coroado cunha ornamentación a xeito de encaixe empregada tamén nas molduras que decoran o beiril da cuberta. É salientable,
finalmente, a existencia dunha pequena bufarda na vertente dereita da cuberta.