Vivenda de estilo colonial na Porta do Sol
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Vivenda de estilo colonial na Porta do Sol
Fene
A vivenda unifamiliar está situada nun terreo que se atopa a un nivel máis elevado que a Avenida Porta do Sol, estrada a cuxa beira se atopa. Deste xeito temos que o acceso á parcela realízase a través dunha escalinata que se bifurca despois de pasar o portalón de entrada, situado entre dous piares coroados por testos, e flanqueado a cada lado por un muro de chanzos sobre o que se dispón unha celosía que debuxa motivos xeométricos. Este mesmo tipo de decoración é o que se empregou para a escalinata.
A vivenda que desenvolve un volume de planta rectangular con dous pisos e baixocuberta, ten a cuberta a dúas augas e a cumieira perpendicular á fachada principal. Nesta fachada ábrense tres vans por planta e un no baixocuberta. Na planta baixa presenta dúas ventás e unha porta central, e na planta alta os tres vans cos que conta cérranse cun antepeito de forxado cun debuxo que está presente en moitas outras edificacións no concello. Xa no nivel do faiado o único van dá acceso a unha pequena galería.