Villa Lorenza na estrada de Cabanas

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Villa Lorenza na estrada de Cabanas
Limodre

Edificación indiana promovida no ano 1911 por Bernardo Varela Grande, emigrante en Cuba, a partir dunha edificación anterior alí existente que comprou en 1898. Ten planta rectangular na que se levantan baixo e primeiro andar. Posteriormente a estrutura orixinaria foi modificada, fundamentalmente na súa fachada traseira e na cuberta.
Sobresae a profusa ornamentación que presenta nas fachadas frontal e lateral dereita con motivos modernistas de estilo Art Noveau. No baixo a fachada frontal organízase en tres vans, dúas ventás e a porta de acceso, nunha composición non simétrica ao estar a porta desprazada cara á esquerda. As ventás concentran a decoración nos linteis a base de motivos vexetais, pero no caso da porta de acceso a ornamentación, máis abundante, está enlazada coa do nivel superior chegando ata a cornixa donde se funde co sotabanco abalaustrado por medio dunha peita. Na fachada lateral dereita do baixo existe un so unha ventá na que se repite a decoración das ventás anteriores.
No primeiro andar hai tres vans na fachada frontal que dan acceso a prominentes balcóns de traza recta con motivos vexetais e xeométricos. Nos linteis repiten a decoración empregada nos vans do baixo e neste caso as xambas están unidas ao sotabanco. Na fachada lateral dereita do primeiro andar adoptouse esa mesma solución para os dous vans cos que conta, si ben aquí en lugar de balcóns voados articuláronse dúas portas balconeiras protexidas con antepeitos de formigón a pano co muro.
No apartado decorativo cabe subliñar tamén a diferenciación que se realiza de cada un dos niveis da edificación na súa textura, na cor así como na factura dos esquinais. Finalmente destacar o sotabanco que oculta a cuberta, no que se reflicten os esquinais e os vans da edificación.