Limodre
Promovida por D. Rosendo Santiago Casteleiro, emigrante en Venezuela, e construída no ano 1962, presenta dúas alturas: baixo e piso.
O baixo presenta vans enreixados e está revestido coa mesma pedra que se utiliza para a parte inferior do peche do predio, en harmoniosa correspondencia con este.
Ao piso superior accédese por unha interesante escaleira que se abre en dous tramos cara ao exterior e que aparece realzada por unha balaustrada que continúa no portal. Neste destacan os arcos carpaneis sobre columnas cara aos que se abren as ventás e a porta principal.
Á dereita aparece o elemento máis significativo da casa: o corpo circular con galería que, a modo de torre, xera un nítido contraste de liñas tanto coa gran escaleira como co volume xeral da casa. O contraste conséguese así mesmo, e de xeito xeral, a través da utilización da cor, máis escura nas molduras que rodean a galería, os extradorsos dos arcos do portal, as cornixas voadas das cubertas, a moldura saínte que separa as alturas da casa e os remates, varandas e parte inferior da escaleira.