Casa da Florista na estrada da Palma

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Florista na estrada da Palma
Maniños

Esta vivenda situada na estrada da Palma foi construída por iniciativa de Víctor Borrás, e durante moitos anos foi tamén coñecida como a “casa da florista” por vivir nela unha muller que se dedicaba a esa actividade. Actualmente está deshabitada e empeza a amosar as consecuencias da deterioración de moitos elementos.

O modelo da construción segue as pautas de moitas vivendas indianas no concello: o tipo de planta e a súa distribución, a ornamentación, o xardín con árbores foráneas, etc, aínda que esta vivenda non pode ser clasificada dentro desa categoría.

A planta é case cadrada, de oito metros por nove, e conta con soto, baixo e baixocuberta dos cales se dedican a vivenda familiar estes dous últimos. A comunicación entre os distintos niveis realízase por unha escaleira interior, contando tamén con outra externa que comunica o baixo co exterior na fachada traseira.

A distribución de ocos é de tres por fachada no baixo, e un á altura do baixocuberta nas fachadas frontal e posterior. Nas dúas vertentes da cuberta, que é a dúas augas, conta cunha bufarda con cuberta a dúas augas. A decoración dos vans varía segundo a fachada de que se trate, pero destacando sobre toda a da fachada frontal: coroando as ventás disponse un frontón apoiado en dous piares formados pola moldura que decora as xambas, e debaixo do que estan os linteis con exuberantes motivos vexetais.

Pero se hai algo que singulariza esta vivenda é a terraza soportada por dúas esveltas columnas, e a galería pola que se accede a ese balcón, que presiden a fachada principal dando lugar a un portal que protexe a porta da entrada. Xunto a iso todo o beiril da cuberta vén remarcado cunha especie de puntilla en madeira.